Manzaneda rexistra cinco lumes forestais nunha soa noite

Imaxe da zona forestal de Pena Trevinca, en Manzaneda (Foto: Turismo de Galiza)
Un dos focos, que xa se atopa estabilizado segundo fontes da Consellaría de Medio Rural, rolda as 20 hectáreas. Tamén quedou controlado un lume na parroquia de Vilarmeao, no municipio de Viana do Bolo.

O concello de Manzaneda rexistrou esta pasada noite cinco incendios forestais. Un dos lumes, que se atopa estabilizado polos equipos de emerxencia, está preto das 20 hectáreas de danos medioambientais.

A Consellaría do Medio Rural informou esta cuarta feira de que as lapas comezou preto das 22.13 horas da terza feira na parroquia de Reigada. Despois dos traballos, este incendio -que foi o máis grande dos cinco- quedou estabilizado sobre as 4.51 horas.

As primeiras estimacións das e dos técnicos da Xunta apuntan a que queimou 20 hectáreas. Para extinguilo mobilizáronse até o momento un técnico, tres axentes, 12 brigadas, sete motobombas e unha pa.

O departamento da Xunta destacou que se rexistraron outros catro incendios na última noite no mesmo municipio. Sucedéronse a horas nas que os medios aéreos xa non podían actuar.

Un deles foi tamén na parroquia de Reigada, mentres que outros dous comezaron en San Miguel de Bidueira e un máis foi en Cernado. Estes catro afectan a superficies inferiores a 20 hectáreas.

Por outra banda, está estabilizado desde pouco antes das 5.00 horas desta madrugada un lume que afectou a máis de 20 hectáreas na parroquia de Vilarmeao, en Viana do Bolo.

O monte comezou a arder ás 22.41 horas e as estimacións máis recentes calculan que calcinou 40 hectáreas. Para o control das lapas desprazáronse catro axentes, nove brigadas, oito motobombas e dúas pas.

O número para advertir dos lumes en todo o país é o 085, de marcación gratuíta. Ademais, se algunha persoa detecta actuacións delitivas ou sospeitosas de selo pode chamar de maneira anónima ao teléfono 900815085.