Manuel Rey: "Ter mulleres referentes na ciencia é moi necesario para alguén que queira seguir o seu camiño"

Manuel Rey.
Loitar pola visibilidade das mulleres galegas pioneiras no ámbito científico. É o obxectivo principal da obra Pioneiras da ciencia en Galicia, incluída na colección Feminismos da Editorial Galaxia e levada a cabo por Manuel Rey xunto a Eduardo Rolland.  

Como xorde este proxecto?

Foi unha proposta que nos chegou dende a Editorial Galaxia por parte do seu director, Francisco Castro. Xusto antes da pandemia comentounos a idea de recoller nun libro todas estas historias. Facer unha escolma das científicas, mirando máis ben cara o pasado e non tanto cara o presente, aquelas que xa remataron a súa traxectoria profesional ou xa faleceron. O obxectivo era recoller todos estes traballos nun libro e amosar como cada unha delas, co seu traballo, marcaron ese camiño e se converteron en pioneiras.

No libro fálase de mulleres achegadas a distintos ámbitos da ciencia. 

Si, a verdade é que foi con esa intención tamén. Dentro da relativa escaseza de figuras pioneiras por razóns obvias, tentamos tocar diferentes ramas. Ata o ano 1910 calquera muller que quixese acceder á universidade tiña que ter permiso das propias institucións, ademais das propias dificultades da época, que impedían que as mulleres chegasen a acadar un certo nivel de estudos. Tratamos de incluír diversos ámbitos: ciencias da vida, matemáticas, física, ciencias técnicas... Un exemplo sería Rita Fernández Queimadelos, que foi arquitecta. A verdade é que intentamos pasar por todas as disciplinas do coñecemento na medida do posible.

Como foi o proceso de elaboración?

Consistiu nunha escolma de diferentes fontes e traballo de diversas investigacións, que en ocasións estaba disperso, e xuntalo todo nesta obra. Unha iniciativa que nos axudou moito e que xa coñeciamos foi a de Xoana Pintos, unha investigadora da USC que analizaba concretamente as primeiras científicas da propia universidade. Mergúllase nos arquivos da propia institución e en hemerotecas da época e xurdiu un proxecto moi interesante, que tivo repercusión estes últimos anos.

En xeral, de todo o traballo que puidese haber xa feito, quizais si que era máis escaso ver obras que recollesen estas traxectorias en forma de biografía, xa que algunhas delas son moi recentes. Eu creo que este libro ven a encher esa necesidade de que exista unha escolma de cada unha, das súas vidas e traxectorias.

Que coñecemento existe na sociedade arredor destas figuras?

Dende o mundo máis achegado á ciencia si que hai un maior recoñecemento. Eu creo que si que se fixeron avances nos últimos anos. Por fortuna, no marco de diversas iniciativas, dende o ámbito universitario e científico houbo un esforzo e algo si que callou. Un exemplo pode ser o de Ángeles Alvariño, cun buque do Instituto Español de Oceanografía que leva o seu nome. Obviamente hai moitas outras e a norma segue a ser o descoñecemento. Si que hai nomes que fican na memoria, pero hai moito traballo por facer e moitas descoñecidas que deberían estar presentes. Para iso tamén é necesaria unha acción dende a sociedade e dende as institucións, para que cando escoitemos eses nomes se recoñezan. Iso pódese facer a través de premios que leven o seu nome, que se lle dediquen rúas... Hai moito camiño por andar para que a sociedade as coñeza mellor tanto a elas como o gran traballo que fixeron.

Tamén é un xeito de contar referentes femininas neste ámbito, non?

Si, desde logo. Creo que o comentaba Xoana Pintos nunha entrevista co gallo do 8M. Todas estas mulleres, das que hoxe se lembra o seu nome e das que existe documentación que lembra os avances que conseguiron e o grande esforzo que fixeron, tiñan que ter unha determinación e unha fortaleza incríbeis. Naquel momento os obstáculos eran moi grandes. Entón, estas personalidades que destacaron no seu momento son un exemplo para non renderse e para aguantar. Ter estas mulleres referentes e eses trazos da súa personalidade, tanto na actualidade como para o futuro, é moi necesario para alguén que queira seguir o seu camiño.