Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo: "O galego pode facer a nosa universidade moi atractiva para a lusofonía"

Manuel Reigosa, (Vigo, 1958) tomou posesión como reitor da Universidade de Vigo hai ano e medio. É o sexto á fronte da institución e prepárase para un ano crucial. 2020 será chave para a captación de talento, para a negociación de máis financiamento público e para o futuro da universidade privada impulsada por Abanca.

Cales son os desafíos máis urxentes para a Universidade de Vigo?

Sempre hai que mellorar en docencia, investigación e transferencia, mais temos dous retos urxentes. O primeiro ten que ver coa captación de estudantes. Os datos demográficos non son os que quixéramos. Nunha década o alumnado en condicións de acceder á universidade irá diminuíndo progresivamente, así que temos que ser moito máis atractivos para o alumnado de fóra da Galiza. 

Doutra banda, tamén nos urxe captar profesorado e persoal docente investigador con talento. A paralización das contratacións durante os anos de crise mais o envellecemento do cadro de persoal das universidades creadas nos 90 poñen en risco a continuidade de persoal suficiente e formado. Vanse producir moitas xubilacións e debemos estar preparados. Por iso temos que facer que retornen á Galiza moitas das persoas que están levando a cabo carreiras científicas, docentes e investigadoras de éxito polo mundo adiante, co fin de manter e reforzar os niveis de produtividade actual.

O recoñecemento da universidade privada promovida por Abanca non está entre os desafíos prioritarios?

Eu manteño que co horizonte demográfico ao que me acabo de referir non é preciso ningunha outra universidade. De habela, debería cinguirse ás normas galega e estatal. Debería facer unha oferta complementaria á da universidade pública. Pero agora mesmo o Sistema Universitario da Galiza (SUG) cobre practicamente a totalidade dos estudos que se poden cursar no Estado. É completa e xenerosa, e as súas carencias non as vai arranxar a universidade privada, se ao final se aproba e se pon en marcha.

O que teñen que facer os poderes é traballar para que a universidade pública sexa cada vez mellor. Neste sentido, podo sinalar un terceiro reto importante: conseguir que a sociedade comprenda a importancia que ten a universidade pública. É a nosa obriga explicarlle que os euros que se invisten en docencia, investigación e transferencia á empresa retornan creando riqueza e benestar social. Mais para iso, e para competir coas mellores universidades do mundo, precisamos un financiamento superior. O que estamos a recibir dista moito do que se recomenda para unha sociedade avanzada coma a nosa.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.