Entrevista

Manuel Martín, médico e portavoz de SOS Sanidade: "O deterioro da Primaria pode ser irreversíbel"

Manuel Martín é médico de Atención Primaria. (Foto: Nós Diario)
Manuel Martín é o voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública. A entidade traballa actualmente na presentación dunha ILP en defensa da Atención Primaria así como na organización dunha mobilización a prol do sistema sanitario público. Martín explica osentido destas dúas iniciativas.

—SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación en Compostela en defensa da sanidade pública para o 12 de febreiro. Cal é o obxectivo desta marcha coa que pretenden encher a praza do Obradoiro?
O deterioro da Atención Primaria está alcanzando un punto de inflexión que pode ser irreversíbel se non se adoptan medidas de maneira urxente. Entre os principais problemas cabería destacar, pola súa importancia, a falla de persoal de medicina, enfermaría, matronas e doutras categorías laborais, así como as barreiras de acceso á asistencia sanitaria, a hexemonía das consultas telefónicas, os fechamentos dos PAC e as listas de agarda, que superan, de media, os sete días.

A Consellaría pretende perpetuar esta situación e segue sen adoptar medidas para recuperar a desastrosa situación nos centros de saúde. Para o ano 2023 aprobou uns orzamentos que incrementan en dous puntos o orzamento para Atención Primaria, que supón o 14,8% da partida para sanidade, a metade do 25% necesario.

Esta situación está a afectar a saúde da poboación e deteriora o resto do sistema sanitario público, colapsando as urxencias hospitalarias e incrementado as enormes listas de agarda acumuladas durante a Covid. Os últimos informes do Ministerio de Sanidade reflicten un aumento da mortalidade evitábel e xeral, non explicábel pola epidemioloxía. 

—O malestar da cidadanía e dos profesionais coa situación do sistema sanitario é evidente. Á vista están as protestas por este tema. Como se chegou a esta situación?
Esta situación é o resultado da política sanitaria do Partido Popular, orientada a deteriorar e desmantelar progresivamente o sistema sanitario público, para dar entrada aos seguros privados e ás multinacionais que controlan boa parte dos hospitais e do resto do sistema sanitario galego. O sector privado quere apropiarse de boa parte dos 5.000 millóns da sanidade pública.

Os dous principais riscos desta situación son que a poboación acepte unha Atención Primaria pública de ínfima calidade e contrate seguros privados enganosos e lixo e que o persoal sanitario acabe desanimado ou queimado. Neste sentido, cómpre saber que os seguros sanitarios privados teñen, tamén, listas de agarda, recortes de probas e intervencións cirúrxicas.

—A Atención Primaria semella a irmá pobre do sistema sanitario galego. Que medidas considera urxentes para comezar a reverter unha situación que está a provocar xa listas de agarda nos centros de saúde?
É necesario incrementar o orzamento da Atención Primaria até o 25% do gasto sanitario na Galiza. Urxe, tamén, un plan extraordinario para recuperar o persoal médico ofertando unhas condicións laborais estábeis e xustas, así como aumentar os centros de saúde docentes para formar máis MIR de familia e enfermaría. 

En definitiva, trátase de construír un novo modelo que poña a Atención Primaria no eixo do sistema e cambie a estrutura organizativa e funcional dos centros de saúde.

—A atención da opinión pública está posta na mobilización do 12 de febreiro en Compostela, pero desde o seu colectivo traballan na presentación dunha ILP en defensa da Atención Primaria.
A recollida de sinaturas foi un éxito desde o principio e aínda que se precisan 10.000, imos multiplicar as mesmas e fixamos o final de xaneiro para completar a recollida, aínda que temos máis prazo.

A defensa da sanidade pública

A causa da defensa da sanidade pública non deixa de sumar apoios. A este respecto, Manuel Martín sinala que “nos últimos meses creáronse novas plataformas a nivel local en defensa da sanidade pública e sumáronse novas organizacións á SOS Sanidade Pública”. Nesta dirección, apunta que “esperamos encher a praza de Obradoiro o día 12 con miles de persoas de toda a Galiza , para demostrar á Xunta e ao PP que deben cambiar a súa política sanitaria e que imos botalos do Goberno”.

Martín salienta que “afortunadamente, a poboación, e en menor medida o persoal dos centros, están manifestando o seu malestar e repulsa a unha situación intolerábel, dado que na práctica a Atención Primaria desapareceu de moitas localidades, o que obriga a acudir a saturar as urxencias hospitalarias en busca de atención”.