Manuel Fuentes, policía local: “Moitos concellos pediron unha app para a policía en galego”

Manuel Fuentes e Khaty Pena na presentación da aplicación diante doutras policías locais.

Manuel Fuentes, traballa como policía local en Carballo desde hai 28 anos. Está moi perto da xubilación mais segue querendo botar unha man para mellorar o traballo que realiza este corpo, sobre todo nos pequenos concellos. Non é informático e de maneira autodidacta creou unha aplicación para facilitar as xestións do día a día da profesión. Coa chegada de Khaty Pena ao deu departamento, ultimou unha versión mellorada e en galego que mereceu o recoñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística.

Como se lle ocorreu crear unha plataforma dixital para a Policía Local?

Fixera unha aplicación hai 20 anos que se estivo empregando aquí en Carballo. Coa chegada dunha compañeira nova, Khaty Pena, animeime a renovala por quedar un pouco obsoleta e non reunir as garantías procesuais nos delitos contra a seguridade viaria. Ese foi o xerme de Xespol. Decatámonos das carencias que hai nas policías locais galegas. A maior parte non conta cunha ferramenta para a xestión propia de atestados. Non naceu pensada como tal plataforma Xespol.

Que carencias ten a Policía Local e como as soluciona Xespol?

Dos 140 concellos que hai na Galiza con Policía Local máis de 90% non teñen ferramenta ningunha, fan o que se facía en Carballo hai máis de 20 anos: documentos tipo en Word. Desa maneira non se garante a Lei de protección de datos. Non lles queda histórico, cando na Policía Local é moi importante ter información de todo o que se fixo. Con Xespol incluímos todos os posíbeis delitos, como o trámite de accidentes, denuncias de tráfico, parte de retirada de vehículos, citacións xudiciais ou mesmo denuncias administrativas. Aínda quedan por desenvolver algunhas. Solicitamos axuda a persoas e organismos concretos como a Rosalina Carrera, delegada de violencia contra a muller. Creamos, paréceme, unha primeira versión creo que digna e válida para calquera concello.

A idea de que estivese en galego foi vosa?

A primeira versión estaba en castelán por ser a lingua que empregaba a miña compañeira. Eu xa pensara en facer versión en galego e coincidiu que moitos concellos pediron unha app para a Policía Local en galego, lembremos que hai unha Lei de normalización lingüística e municipios con ordenanzas específicas que sinalan que o funcionariado ten que empregar o galego. Un deses concellos foi Cangas, onde se instalou por primeira vez de proba, así naceu a versión 2.0, que vén en galego.

Tivo éxito esta plataforma entre as policías locais?

En agosto de 2018 ofrecémoslla ao concello de Carballo, que o rexeitou por ter un compromiso con outra aplicación. En setembro fomos convidados pola Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta para presentalo nunha mesa de coordinación das policías locais. Propuxemos estendela de maneira gratuíta para que os concellos pequenos non deixasen de ter esta ferramenta polo feito de non contar cun orzamento necesario. Pasamos o filtro de Amtega como primeiro paso, mais desde aquela non volvemos saber nada. Aínda estará a proposta perdida nalgún caixón da Xunta. Cangas ofreceuse a probala.

A día de hoxe din que están contentos. Xa asinamos trinta acordos de colaboración que rematarían en 2022 entendendo que para ese ano ten que haber unha solución xeral por parte dalgún organismo, ben sexa a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), para solucionar a situación das policías locais que están en precario. Agora estamos cunha nova versión no Grove e en Poio.

Todo este traballo no voso tempo de lecer?

Si, claro, facémolo no noso tempo de lecer e quitámoslle horas á familia. Fáltanos tempo para ir instalar a aplicación aos municipios. Aqueles que a teñen agora mesmo non entenden como facían antes, cando non tiñan esta ferramenta. As policías locais somos as grandes esquecidas e funcionamos dependendo das circunstancias de cada concello.