Nomeado onte no Consello da Xunta

Manuel Corredoira López, novo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación

O Consello da Xunta aprobou onte dous decretos polos que se nomea a Manuel Corredoira López como novo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, e se dispón o cesamento de José Luis Mira neste mesmo cargo.

Manuel Corredoira López (A Coruña, 1955) é enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de Cataluña e licenciado en dereito pola Universidade da Coruña, e na actualidade desempeñaba o cargo de subdirector xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Forma parte do Corpo de inspectores de Educación e desde 1984 exerce como profesor de ensinanza secundaria na especialidade de formación profesional de organización e procesos de mantemento de vehículos. Foi xefe de estudos do IFP Someso da Coruña entre 1993 e 1997; asesor técnico docente na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en 1997; subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de 1998 a 2000; e subdirector xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación Cultura e Deporte entre o 2000 e o 2004.

É tamén representante da Administración educativa no Consello Escolar de Galicia e foi presidente do Comité nacional para o programa Leonardo da Vinci II do Ministerio de Educación Cultura e Deporte entre 2000 e 2004. Ademais, participou como coordinador en varios informes e proxectos europeos e nacionais vinculados coa educación.