Caderno de Verán

Manuel Barreira, farmacéutico: "Recomendo usar unha protección alta"

Barreira na súa farmacia a pé do Camiño de Santiago (Foto: Cedida)
O vocal de Oficina de Farmacia do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Manuel Barreira, recomenda evitar estar ao sol nas horas centrais do día. Ademais, asegura que na Galiza vai medrando a concienciación da xente

Este verán no Colexio de Farmacéuticos de Lugo están a facer campaña de coidado da pel?
Todos os anos a facemos. Falamos de prevención para o sol e protección solar e que se evite a exposición nas horas centrais do día. Pedimos á xente que utilice protección solar alta e que a repoña cada certo tempo, cada dúas horas máis ou menos.

Só se precisa para ir ás praias?
En todo momento. E non só está o aspecto de pór crema senón o de non pasar moitas horas de exposición ao sol, empregar mangas longas. Sobre todo se se trata de persoas que teñen problemas co sol. 

Cal é a protección máis axeitada para este estío?
Depende do tipo de pel pero eu vendo de 50 salvo que me insistan en que queren levar de 30. Eu recomendo unha protección elevada.

Por algo en especial? Detectan que haxa máis afeccións cutáneas?
Si, notas que se a xente se despista un pouquiño quéimase máis que antes. Aquí, onde estou eu nunha zona do Camiño, vexo peregrinas e peregrinos coas pernas queimadas, os brazos queimados... Hai que protexerse e tamén recomendamos unha boa hidratación. Desde o Colexio tamén facemos campañas para falar da hidratación por vía oral, de que hai que beber máis auga.

Existe certo debate sobre a cobertura real dos protectores solares. Hai quen di que si venden máis de 50 é un timo porque non hai ese nivel de control...
Iso depende de se é unha protección ultravioleta A ou B. No envase xa vén todo especificado. Se pon +100 ten que ver con ese tema ultravioleta. 

Tamén hai dúbidas sobre as cremas dos grandes supermercados.
Os protectores, como todo tipo de cosméticos, teñen que cumprir unha lexislación. Consumo pode facer as probas pertinentes pero despois poden darse reaccións por algúns compoñentes.

A poboación galega está concienciada?
Cada vez máis porque cada vez está habendo máis detección de cancro de pel... A xente protéxese todo o ano, non só no verán, están a coller a rutina de botar crema facial.