Descende o número de casos activos de Covid-19 a 2.403

Mantense a tendencia descendente dos casos activos Covid-19 na Galiza

Vacinación masiva no Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) (Foto: Europa Press)

Galiza rexistra un lixeiro descenso no número de casos activos e de persoas hospitalizadas, e tamén experimenta unha diminución da taxa de positividade que se sitúa nun 1,7%

Neste comezo da Semana Santa, a Galiza experimenta un lixeiro descenso dos casos activos de Covid-19, cuxa cifra se sitúa en 2.403 casos, e tamén diminúe o número de persoas hospitalizadas, sendo un total de 214 pacientes. Aínda que este descenso presente un ritmo moi pausado, en xeral estase a demostrar unha mellora da situación en comparación coas xornadas anteriores.

Segundo os datos actualizados esta mesma mañá, agora mesmo na Galiza hai 36 persoas con Covid-19 ingresadas nas UCI, unha cifra que non mostra ningún cambio. Mais, si se reduciu o número de pacientes hospitalizados e hospitalizadas noutras unidades a 178, nove menos.

Porén, aínda que os casos parezan minguar, a presión hospitalaria segue a aumentar na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que rexistra un paciente máis en críticos e un aumento de tres persoas ingresadas noutras unidades, e mantense nas áreas de Ferrol e Lugo. Nas outras catro áreas sanitarias, as referidas a Ourense, A Coruña-Cee, Santiago-Barbanza e Lugo, dáse un descenso da presión hospitalaria.

Se ben o número de casos activos na Galiza descende a 2.403, 37 puntos menos que a xornada anterior, esta baixada non se experimenta de forma xeneralizada entre as sete áreas sanitarias galegas, pois os casos aumentan lixeiramente en Pontevedra-O Salnés, con seis casos máis, e en Santiago-Barbanza, cun máis. Porén, é Coruña-Cee a zona que rexistra un maior número de casos, cun total de 900, mentres que Ourense se mantén á cola con 150.

No referido aos novos contaxios, aínda que se dera unha repunta a pasada xornada cunha cifra de 162, hoxe rexistrouse un descenso a 115 persoas contaxiadas. Cómpre destacar tamén que nas últimas 24h confirmáronse 95 probas PCR positivas, 62 menos que onte, das cales 32 se localizan na área de Coruña-Cee, área que concentra o maior número de persoas contaxiadas.

Taxa de positividade

En relación á taxa de positividade, se ben subira a comezos de semana a un 4%, esta mañá os datos demostran que a porcentaxe de infeccións por test PCR feitos no territorio galego diminúe ao 1,7%, unha cifra positiva que se sitúa, con bastante marxe, por debaixo da porcentaxe do 5% coa que a OMS dá por controlada a pandemia.

Hoxe na Galiza rexistráronse un total de 150 persoas curadas máis que onte

Hoxe na Galiza rexistráronse un total de 150 persoas curadas máis que onte; porén, tamén continúan os falecementos. Os dous últimos foron os dunha muller de 77 anos e outra de 95, segundo Sanidade