Lixeiro descenso na presión hospitalaria e nos contaxios pola Covid

Test de antíxenos da Covid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press )
O número de persoas ingresadas por Covid-19 continúa a descender ao igual que os contaxios e os casos activos que onte aumentaban lixeiramente. 

Dúas semanas despois da caída do estado de alarma e as restricións máis duras asociadas, Galiza continúa nunha situación estábel con respecto á pandemia da Covid-19 ao detectar 173 novos  contaxios nas últimas 24 horas a través de calquera tipo de proba, 11 menos que a xornada anterior.

Ademais, os casos activos de Covid-19 volveron rexistrar unha evolución negativa ao situarse en 2.656 en total, 29 menos que hai un día, mentres que a presión hospitalaria redúcese lixeiramente, con 138 ingresados, un menos que onte.

En concreto, segundo os datos actualizados na mañá deste domingo pola Consellaría de  Sanidade con rexistros até as 18 horas do sábado, a baixada nos hospitalizados débese a que nas unidades de coidados intensivos hai 30 persoas con Covid, unha menos, mentres que os que están en planta mantéñense nos 108.

Por áreas sanitarias, esta estabilidade dáse en Santiago-O Barbanza, que non rexistra variacións ao ter 17 ingresados con Covid, tres deles na UCI; e en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 11 hospitalizados, dos que catro están críticos.

Onde si soben os pacientes atendidos é na área de Vigo, con 41 ingresados (dous máis), aínda que seguen nove en coidados intensivos; na de Lugo-A Mariña-Monforte, con nove hospitalizados (un máis), deles un (sen cambios) na UCI; e a de Ferrol, con cinco (un máis), dous deles críticos (sen variacións).

Mentres tanto, a presión hospitalaria cae na área da Coruña-Cee, ata contabilizar 36 ingresados (dous menos), dos que seis se manteñen en coidados intensivos; e na de Pontevedra-O Salnés, con 19 hospitalizados (tres menos), cinco na UCI (un menos).

Descenso de casos activos

Pola súa banda, os casos activos da covid-19 no país volven marcar unha evolución negativa ao situarse nos datos deste domingo en 2.656, que son 29 menos que os deste sábado, xornada que precisamente rompera co refacho de tres días consecutivos de caída.

Este descenso dáse en cinco das sete áreas sanitarias. As únicas onde os pacientes de coronavirus crecen son Santiago-Barbanza, que suma 18 e colócase nos 455, e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 14 máis ata situarse nos 220 casos activos.

Á súa vez, descenden nas áreas de Vigo, a 812 (nove menos); A Coruña-Cee, a 539 (16 menos); Pontevedra-O Salnés, a 343 (28 menos); Ourense-Verín-O Barco, a 200 (catro menos); e Ferrol, a 87 (catro menos).

Lixeiro descenso de contaxios

En canto aos contaxios de Covid-19 detectados no conxunto da Galiza mediante calquera tipo de proba, baixaron lixeiramente a 173. Esta cifra supón un descenso de 11 con respecto ao día anterior, pero sitúase entre as máis altas da semana.

Do total de novas infeccións rexistradas, a área de Vigo acumula 55 e séguelle a da Coruña, con 35 positivos. A terceira é a de Santiago, con 33, e en cuarto lugar sitúase a de Lugo, con 26.

Seguen a estas a área de Pontevedra, con 11; Ourense, con oito; e Ferrol, con só tres.

Deste xeito, os contaxiados por Covid no país desde o inicio da pandemia ascenden a 125.900, dos que 30.275 corresponden á área da Coruña; 24.776, á de Vigo; 19.781, á de Santiago; 15.629, á de Ourense; 14.143, á de Pontevedra; 12.750, á de Lugo; e 8.546, á de Ferrol.

Dous centros pechados

No respecto aos centros educativos, a Xunta notificou que son 572 os casos activos entre o alumnado e profesionais, sumando un total de 29 aulas e dous centros pechados.

Probas PCR

As probas  PCR realizadas polo Sergas desde que arrincou a crise sanitaria aumentaron a 2.207.456, o que implica que nas últimas 24 horas fixéronse 5.799, sobre medio milleiro menos que as do día anterior.

Con respecto á taxa de positividade, subiu lixeiramente ata o 2,8%. Así, prosegue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Pasamentos e curadas

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en toda Galiza mantéñense nas 2.410 despois de que a Consellaría de  Sanidade non notificase este sábado ningún novo deceso.

Fronte a isto, curáronse no país desta enfermidade até o momento 120.858 pacientes desde o inicio da pandemia, 202 persoas máis que as contabilizadas ata a xornada anterior.