'Mans á terra', a reconquista da horta

Detalle de dúas entregas de 'Mans á terra'. (Foto: Nós Diario).
O refraneiro popular guiou durante o mes de abril un curso completo de horta na casa deseñado por Eva Cameán. Mans á terra conquistou os lectores e lectoras de Nós Diario, que xa contan cos recursos necesarios para cultivar e recoller a súa propia colleita. O curso de iniciación á horta que acompañou Nós Diario durante o mes de abril cativou o público lector. Este xornal estrea novo coleccionábel o próximo día 4: Aí ven o maio!

'O sol dá na cama en abril, labrego deixa de durmir'. Con este dito popular e unha manchea de solucións prácticas para traballar a terra desde cero, Nós Diario estreou o mes da primavera e un novo coleccionábel que nacía coa vocación de achegar unha guía integral para cultivar a horta, fóra ou dentro da casa, nun terreo próximo, nunha terraza ou nunhas macetas.

 Aquela querenza orixinal, do xornal máis da autora de todos os textos que integran os 17 fascículos da colección Mans á terra, arraigou decontado. Eva Cameán (Carballo, 1994), voluntaria e monitora na escola ambiental da Asociación Senda Nova, planificou 17 leccións para outras tantas entregas que cativaron o público desde o primeiro momento. Polo seu deseño e polo acerto dunhas propostas que fan do cultivo dos propios alimentos unha andaina accesíbel, sinxela e satisfactoria.

O interese das lectoras acompañou desde o primeiro día a calidade dos consellos concibidos por Cameán para achegar os principios da agricultura ecolóxica a todos os fogares.

17 días na horta

Mans á terra converteuse en pouco tempo nunha guía imprescindíbel para poñer en marcha unha horta, mais tamén para sacarlle proveito a materiais de refugallo e confeccionar remedios naturais cos que protexer a terra e os cultivos.

Eva Cameán aprendeunos a escoller o espazo de traballo, a seleccionar as sementes máis acaídas e a conservalas para vindeira temporada. Ensinounos a planificar a horta, a plantala, a detectar pragas e enfermidades e a protexer os cultivos. Iniciounos na compostaxe, nas flores comestíbeis e nas herbas medicinais; deunos as chaves para abonar e regar as macetas ou os bancais no mellor momento. Tamén a recoller a colleita, a conservar os alimentos e a deixar o horto a punto para o ano que vén.

A colección de abril gozou dunha grande acollida e abre as portas a un maio de libros cuberto.

Os esenciais da literatura galega

A partir do 4 de maio Nós Diario achegará un novo coleccionábel formado por 16 entregas dedicadas a outras tantas obras imprescindíbeis da literatura galega, publicadas entre 1863 e 1962. 

Aí vén o maio! recollerá, de terza a sexta feira, até o día 28, un fascículo de catro páxinas asinadas por diferentes personalidades do mundo da cultura e da literatura galegas dedicadas a cada un dos 16 títulos seleccionados polo xornal. Desde Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, a Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.

Entremedias, Follas Novas, Aires da miña terra, Queixumes dos pinos, A terra asoballada, Cousas, De catro a catro, O porco de pé, Arredor de si, Sempre en Galiza, Terra Chá, Merlín e familia, Os Eidos, A esmorga e Memorias dun neno labrego.

O público lector terá acceso a un completo estudo de cada libro. En cada fascículo atopará comentarios e reflexións sobre a súa composición, orixinalidade, compromiso coa lingua e coa realidade social; ademais dunha escolma de fragmentos ou poemas que as autoras convidan a reler ou a ler por primeira vez.