Mans dadas o 24 de xullo en Compostela pola liberdade dos presos e presas independentistas

Máis un ano, Ceivar convoca na capital galega na véspera do Día da Patria Galega a cadea humana solidaria. Ás 18:30 horas e con saída desde a Praza da Galiza.

Na véspera do Día da Patria Galega varios centos de persoas daranse a man en Compostela para denunciar a situación penal dos presos e presas independentistas e demandar a fin das medidas penitenciarias de excepción sobre as persoas deste colectivo.

Convocada por Ceivar, esta XII edición da Cadeia humana pola liberdade dos presos independentistas terá o seu punto de inicio ás 18:30 horas na Praza de Galiza, en Compostela, desde onde as persoas participantes partirán collidas da man para percorrer varias rúas e prazas da capital galega demandando a liberdade para os e as presas independentistas galegas.

A edición deste ano está marcada pola detención de catro independentistas, Miguel García, Antom G. Matos, Asunción Losada e J.M. Sánchez, aos que as forzas de seguridade consideran membros ou colaboradores de Resistencia Galega.  

Estas catro persoas están presas actualmente en cárceres afastadas da Galiza. En prisións do país ou próximas a el cumpren condena presos independentistas como Eduardo Vigo, Roberto Fialhega, Raul Agulheiro, Hadrián Mosquera e Carlos Calvo.