Manifesto: Un 'non' rotundo á LOMCE

[Imaxe: M.Montero]

As organizacións que fan parte da Plataforma galega en defensa do ensino público pecharon as manifestacións remarcando o seu rexeitamento a esta lei nun Manifesto conxunto. Recollemos o que se leu en Compostela.


"A Plataforma galega en defensa do ensino público afirma rotundamente 'Non á LOMCE' e amosa o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade".

Así arrinca o Manifesto ao que as diferentes organizacións integrantes da Plataforma deron leitura no acto de encerramento da mobilización que decorreu en Compostela.

Mónica Martínez [Comités]: "Procura o máximo control dos contidos, uniformiza mediante reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua"

Así as cousas, e malia Agir non facer parte da Plataforma, as tres organizacións estudantís nacionalistas --Comités, Liga estudantil e Agir-- concorreron ás mobilizacións deste 24 de outubro con faixas conxuntas e baixo lemas como Fóra o fascismo do noso ensino (Vigo), O estudantado galego en defensa do ensino público (Compostela e A Coruña), Paramos as aulas para pararmos a LOMCE. Educación para o pobo (Ourense) e O estudantado galego defende o ensino público (Lugo). 

En Compostela, foi Mónica Martínez a representante dos Comités que deu leitura a unha parte do Manifesto da Plataforma. Destacou que a LOMCE "procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua impoñendo un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos co obxectivo de afastar completamente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística". 

Patricia Eijo [Liga estudantil]: "Pretende crear categorías de centros e atender con máis recursos e meios aqueles que mellores resultados acaden, previa selección do alumnado"

Contra as reválidas e contra a 'sobrevivencia dos mellores' posicionouse a Plataforma galega no bocado de manifesto ao que deu leitura Patricia Eijo, integrante da Liga estudantil.

Enfatizou que a lei que Galiza rexeitou de maneira contundente "pretende crear diferentes categorías de centros mediante programas de calidade e especialización curricular".

Ao fío, Eijo alertou de que se destinarán máis recursos e meios "aos que mellores resultados acaden" no lugar de apostar en que "todos os centros teñan recursos para que todos, independentemente da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha formación de calidade".

[Sindicato de estudantes]: "Reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP"

Este colectivo estudantil mobilizouse canda a Plataforma galega en defensa do ensino público cunha faixa en que se lía o lema En defensa do ensino público paremos a reforma franquista.

Do Manifesto conxunto destacou que se trata dun anteproxecto "ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación", facendo fincapé na blindaxe dos concertos con centros que segregan o alumnado por razóns de xénero.

Anxo Louzao [CIG-Ensino]: "É recentralizadora e facilítalle ao alumnado a matriculación nun centro privado pagado por nós"

"Recentralizadora e españolizadora" foron os cualificativos con que a Plataforma describiu a LOMCE no fragmento de Manifesto que leu o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, no acto de encerramento da mobilización.

Enfatizou o sindicalista que esta norma "pretende transladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais", ben como priorizar as aulas en español recollendo a obriga de que os territorios paguen a matriculación en centros privados onde a oferta educativa sexa integramente neste idioma se as familias así o solicitan.

En representación das asociacións de nais e pais da comarca de Santiago falou Luísa González, quen recalcou como a lei de Wert @s deixará sen posibilidades de participación na organizacións dos centros educativos. 

Luísa González [ANPAS]: "Elimina o Consello escolar como órgao de goberno e baléirao de todas as competencias"

Nesta liña, puxo de manifesto que "a dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar decisións de maneira unilateral".

González bateu tamén contra as reválidas que se realizarán ao final de cada etapa educativa e denunciou a imposición "dun sistema máis selectivo" que "condena prematuramente" os e as alumnas a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio "de maneira temperá e condicionando o seu futuro académico".

Na importancia que a LOMCE concede á materia de relixión --e que motivou berros de 'Non á lei do Opus Dei'-- centrou a súa intervención a representante de Galiza Nova, Andrea Martins.

Andrea Martins [Galiza Nova]: "Reforza a confesionalidade e impide o ensino laico"

A norma española mantén esta materia no currículo escolar e contempla unha alternativa na primaria e na ESO que computarán no expediente académico.

"Convertirase nun efecto chamada para que o estudantado se matricule en relixión", advertiu Martíns, recordando que no bacharelato terá a consideración de 'materia específica', contando con máis importancia que as lenguas propias dos territorios e que o alumnado cursará "un máximo de tres e un mínimo de dúas veces por semana".

Elvira Cienfuegos [BNG]: "Reproduce un sistema empresarial e impide o acceso das clases populares á educación"

A edil do grupo municipal nacionalista no concello de Santiago, Elvira Cienfuegos, foi quen deu leitura ao texto que no Manifesto correspondía á formación frontista.

Centrouse en denunciar que a planificación escolar se fará "en función do ensino concertado" e que a lei de Wert vai reproducir un sistema "xerárquico e empresarial", privando as clases populares do dereito á educación.

Aliás, Cienfuegos subliñou tamén a "competitividade" como marca característica do modelo educativo que pretende impor o PP a través desda norma, que foi aprobada no Congreso unicamente cos votos a favor da formación conservadora mais co compromiso do resto de forzas políticas de a derrogaren unha vez que remate a maioría absoluta con que gobernan @s populares. 

Carme Romero [AS-PG]: "Elimina a igualdade de oportunidades e supón un retroceso de décadas"

Desde a Asociación Socio-pedagóxica Galega, Carme Romero recolleu todas as cuestións que a respeito da LOMCE denunciaron o resto de organizacións integrantes da Plataforma galega para concluír que a súa aplicación "supón un retroceso de décadas".

Por derradeiro, remarcou que nos devolverá a unha sociedade "onde o valor das persoas se mide en función do que posúen e na cal o futuro depende de en que familia nacen".