Manifesto denuncia a “involución política e territorial” da escolla da provincia para a desescalada

Deputación de Ourense (Ourense Turismo)

1846 é para sempre. Abril, sempre! considera esa unidade territorial “ineficaz” para loitar contra a pandemia e aponta a que a súa escolla é un chanzo máis na centralización.

A elección por parte do Goberno español da provincia como unidade territorial de base para o desconfinamento supón traspasar unha “liña vermella” que Galiza non debería permitir. Así o consideran as persoas que impulsan '1846 é para sempre. Abril, sempre!', manifesto que considera esa aposta pola provincia “unha medida allea á nosa idiosincrasia e organización territorial”, ao tempo que “ineficaz na loita contra a pandemia”.

Porén, indican, “non convén tomala á lixeira, posto que é unha decisión política que, ademais de poñernos en perigo, semella ter a intención, asemade, de baleirar aínda máis de contido e minorizar o xa cativo sistema autonómico, con arelas recentralizadoras a cada máis manifestas”.

Para as asinantes do documento, é hora de dar resposta a esa decisión do Goberno estatal, e indican que non acreditan en que a Xunta sexa sincera no seu rexeitamento á mesma, pois “Feixoo e o PP” só pretenden “ manobrar e tirar réditos na loita polo poder político en Madrid”.

“Arestora, precisamos que a nosa indignación persoal ou colectiva pete enriba da mesa co espírito libertario, irmandiño e insurxente dun Antolín Faraldo que, noutro Abril esperanzado, confrontou o oprobioso “provincianismo” centralista chamando á unidade galega, en especial “a esa clase sinxela que traballa, a ese pobo oprimido”, a defender un “provincialismo” anticolonial, dende unha “nacionalidade” cun aquel arredista”.

Convocan así a organziacións e “sociedade civil organziada” a que deixen de lado “inútiles divisións e retesías” para facer fronte á calquera tentativa de“involución política ou territorial”

A primeira hora a tarde desta quinta feira o manifesto suma 50 persoas impulsoras, entre as que hai nomes como o dos historiadores Dionisio Pereira e Bernardo Máiz, labregas como Alba Rivas, cineastas como Alberte Pagán, músicos como Xurxo Souto, docentes como Lola Varela ou Emilio ïnsua, ou artesás como Cruz López.