Persoal sanitario maniféstase en apoio da doutora Nercellas

Fátima Nercellas e a deputada do BNG, Iria Carreira, na protesta. (Foto: Arxina)
Profesionais da sanidade galega e pacientes manifestáronse diante do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago en apoio á doutora Fátima Nercellas. Persoal de sector de ambulancias manifestouse polas rúas de Compostela contra os despedimentos. O colectivo de técnicas superiores sanitarias realizou un acto para denunciar a súa situación laboral.

Profesionais da sanidade galega e pacientes manifestáronse diante do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) ante o expediente disciplinario aberto por Sanidade á doutora de urxencias Fátima Nercellas por trasladar directamente a Observación pacientes graves colocados nos corredores de acceso do servizo que levaban horas en situación de prostración en espera de seren atendidos.

Na manifestación tamén se denunciou a proposta de sanción de suspensión de emprego e soldo de 17 días á doutora. A protesta foi convocada pola xunta de persoal, co apoio da Asociación de pacientes e usuarios do CHUS. 

Desde a xunta de persoal afirman que “non podemos máis que cualificar os cargos que se imputan como un acto de persecución profesional” sen unha base “que fundamente as graves medidas sancionadoras propostas”. Neste senso, lembran que os Valedores do Pobo das distintas comunidades autónomas veñen afirmando que “a colocación de pacientes nos corredores de acceso dos servizos de urxencias constitúe unha vulneración do dereito á intimidade e á dignidade das persoas”.

A Valedora do Pobo da Galiza, no seu informe de 13 de novembro de 2020, citando a xurisprudencia do Tribunal Supremo, deixou sentado que se exerce "unha violación deste dereito cando, colocados os pacientes nos corredores de acceso, se produce a recollida, como así acontece de xeito habitual, de datos familiares e persoais que forman parte da historia clínica”.

A doutora Fátima Nercellas, en declaracións a Nós Diario após a apertura do expediente e a proposta de sanción, sinalou que “este é o terceiro intento de abrirme un expediente nos últimos quince anos de actividade sindical”, e tamén “o que máis lonxe chegou”. Así mesmo, Nercellas puntualizou que “nos puntos que leva o expediente vese que é unha represalia”.

Pola súa parte, a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento da Galiza, Iria Carreira, que participou a protesta, preguntou o pasado 10 de febreiro ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, polo expediente de sanción aberto polo Sergas. Comesaña evitou entrar a valorar o expediente á doutora e asegurou que as Urxencias do CHUS "non están colapsadas" e que hai "moito alarmismo" a respecto desta cuestión.

O persoal das ambulancias do 061 mobilízase nas rúas de Compostela

Persoal de sector de ambulancias manifestouse polas rúas de Compostela, desde a sede da Consellaría de Sanidade até a sede de Ambulancias do Atlántico, para reclamar a readmisión dos cinco traballadores despedidos, un na área sanitaria de Santiago e catro na de Vigo, sen que a empresa aducira motivo algún. 

Xunto a isto denunciaron que, de modo paradoxal, a empresa deixou unha ambulancia non operativa durante horas a pasada quinta feira, 17 de xaneiro, por falta de persoal na área sanitaria de Santiago. Unha situación que se repetiu nas últimas horas nunha área "xa de por si cunha dotación de medios de emerxencia por debaixo das necesidades", sinalan.

No decurso da manifestación, o representante da CIG-Compostela, Nacho Pavón, cualificou de “caprichosos” os despedimentos destes traballadores que entende que, "como a propia empresa manifesta, teñen orixes diferentes, mais que no caso de Santiago responde a un conflito na propia Unión Temporal de Empresas (UTE) que nada ten que ver co persoal”.

Sinalou que dentro da UTE non todas as empresas están moi conformes co reparto que fixeron entre elas, así que “para protestar contra a Xerencia por este reparto, fan isto, mais é inadmisíbel que collan de refén o persoal”.

Protesta das técnicas superiores sanitarias

O colectivo de técnicas superiores sanitarias realizou un acto para denunciar a súa situación laboral no Complexo Hospitalario Universitario de Compostela, especialmente complicada, sinalan, pola non homologación da súa categoría profesional na Unión Europea.

Este grupo laboral considera que se atopa nunha situación inxusta, xa que ao non ter a  posibilidade de validación do seu título fóra das fronteiras estatais teñen menos posibilidades de acceso ao mercado de traballo.

Ademais, esta situación, denuncian, supón tanto unha limitación do seu nivel  formativo como unha depreciación do seu cometido profesional. As protestas seguirán na Galiza e no Estado nas vindeiras semanas.