Unha manifestación reclamou en Vigo que a Xunta adquira Povisa

Máis de catrocentas persoas pediron ao Goberno galego que “defenda a calidade asistencial e os postos de traballo” perante a venda do complexo a Ribera de Salud.

Máis de 400 persoas manifestáronse en Vigo esta quinta feira contra a venda do hospital Povisa a Ribeira Saúde (da norteamericana Centene) e para esixir á Xunta que adquira o centro sanitario e así "defender a calidade asistencial e os postos de traballo".

A manifestación estaba convocada por parte do comité de empresa de Povisa (CIG, CXT-SGPS e CC.OO.) e a plataforma SOS Sanidade Pública e estivo encabezada por unha pancarta que rezaba 'Non a venda de Povisa. Pola integración na sanidade pública. Na defensa asistencial e dos postos de traballo'.

Con berros de “Feixoo atende, Povisa non véndese'; 'Conselleiro, escoita, Vigo está en loita'; 'Goberne quen goberne a sanidade deféndese' e 'Povisa está en loita', centos de cidadáns percorreron as rúas viguesas, pasando polo hospital, até chegar á Praza da Independencia, onde foi lido un manifesto.

Neste sentido, o portavoz de SOS Sanidade Pública Vigo, Manuel González Moreira, lamentou o "cambio cualitativo" que suporía que Povisa pasase a estar en mans dun grupo americano, que ten un "importante peso económico" o que levaría a ter unha capacidade de presionar a Xunta "infinitamente máis grande" que o grupo Nosa Terra XXI, actual propietario.

"O máis sanguento é que se venda por 24 millóns de euros. Véndese un hospital dotado de recursos, con persoal, tecnoloxía, con consultas por Gran Vía, cunha escola de enfermaría montada e funcionando por 24 millóns", criticou.

Entre os asistentes, acudiron a cabeza de lista por Pontevedra de Galicia en Común, Yolanda Díaz; o portavoz de En Marea, Luís Villares; a deputada do BNG no Parlamento de Galicia Montse Prado; a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla; así como o concelleiro nacionalista do Concello de Vigo Xabier P. Igrexas, entre outros.