Unha manifestación pedirá en Santiago o "peche das casas de apostas"

Integrantes da plataforma 'Compostela sen apostas' durante a comparecencia (Europa Press)

Alertan da proliferación deste tipo de establecementos, que "están a levar á ruína a mocidade" e piden implicación ao Goberno.

Integrantes da plataforma ‘Compostela Sen Apostas’ presentaron esta segunda feira a manifestación que a cuarta feira acollerá a Alameda de Compostela para reclamar o "peche das casas de apostas" e a "prohibición do xogo online", así como unha alternativa de "lecer digno" para os mozos.

A cita será ás 20,30 horas na Alameda, onde as convocantes buscan "denunciar a expansión deste negocio que está a levar á ruína os mozos e mozas".

"Ofrécenlles, sabendo que é mentira, grandes sumas de diñeiro", explicaron as integrantes da plataforma, para quen esta "non é unha opción de lecer digno".

En particular, denunciaron as estratexias publicitarias, nas que se empregan xogadores de fútbol ou persoas coñecidas para atraer clientes e "normalizar" esta actividade e, nesta liña, viron positivas as restricións á publicidade destes establecementos anunciadas polo ministro de Consumo, Alberto Garzón.

No entanto, afirmaron que non se tratan de pasos "definitivos", que deberían pasar polo peche de todas as casas de apostas e a prohibición do xogo online.

Este tipo de industria, criticaron, mete ao usuario e usuaria nun "ciclo" do que "é moi difícil saír" e que o conduce "á pobreza". "É un modelo de negocio sostido na dependencia, que destrúe as familias e as persoas", resolveron.

Para finalizar, incidiron en que se trata dun sector "moi propicio para o machismo", no que a figura da muller emprégase "como un elemento de atractivo e un obxecto de consumo máis" para atraer a clientes masculinos. Por ese mesmo motivo, destacaron, tamén ás mulleres con problemas de ludopatía cústalles máis requirir axuda.