Manifestación nacional en Compostela na defensa do dereito de autodeterminación para Galiza

Anxo Louzao e Lucía Veciño, de Vía Galega

’Convocada por Vía Galega para o 18 de abril co lema "Galiza nación, un pobo con dereitos". A mobilización concluirá coa lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez.

A Plataforma Vía Galega, que integra máis de 65 asociacións culturais e sociais, convoca unha manifestación nacional para o domingo 18 de abril en Santiago de Compostela co lema  "Galiza nación, un pobo con dereitos".

Un dos portavoces desta plataforma, Anxo Louzao, realizou un chamamento a participar nesta mobilización "para esixir o dereito á autodeterminación, a exercer o dereito a decidir, para construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade e  benestar social".

A mobilización partirá o domingo 18 de abril ás  11:30 horas da Alameda de Compostela e rematará na Praza da Quintana, cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco, coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e a lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez.

Na mobilización e acto “cumpriranse todas as medidas e normas de seguridade impostas como consecuencia da COVID-19, de aí que solicitamos dos e das manifestantes que eviten portar faixas, aínda que poden levar bandeiras e cartaces individuais", explicou Louzao.

O portavoz da plataforma incidiu na necesidade de facer fronte "á cada vez maior centralización política, como se comprobou coas actuacións relacionadas coa pandemia, e a combater o neoliberalismo e  a españolización galopante á que está entregado o Goberno de Feixoo, procurando destruír a nosa identidade, lingua e cultura e anularnos como pobo".

Vía Galega organizou ao abeiro desta campaña coloquios en  25 localidades e cidades sobre os dereitos da Galiza como pobo, ademais de editar e distribuír folletos explicativos e cartaces.

A campaña tamén contou coa elaboración dun vídeo que define as características que conforman a nación galega e que fai un percorrido histórico e reivindicativo. Neste punto, agradeceu e destacou a participación de persoas referentes da sociedade galega como  Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés, que explicaron a súa percepción da condición nacional de Galiza.

 Esta manifestación é a culminación da campaña que durante os últimos meses desenvolveu Vía para divulgar as características que conforman a nación galega e os dereitos que lle asisten como tal. Outro dos obxectivos foi "procurar  que  sexa máis pobo o que asuma conscientemente a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade colectiva de existir", xunto con "apuntalar e estender a conciencia nacional, desterrando a mentira e o engano de que Galiza é un pais subsidiado".