Unha manifestación multitudinaria exixe o retorno do servizo de urxencias a Moaña

Unha manifestación multitudinaria percorre as rúas de Moaña (O Morrazo) para exixir a recuperación do servizo de urxencias. (Foto: Diego Seixo)
A veciñanza do Morrazo, nomeadamente de Moaña, conmemorou este domingo catro anos de mobilizacións en defensa da sanidade pública local e da recuperación do PAC que Sanidade trasladou a Cangas durante a pandemia.

Unhas 4.000 persoas manifestáronse este domingo en Moaña para exixir á Consellaría e Sanidade da Xunta da Galiza que repoña o servizo de urxencias de Atención Primaria na vila, derivado á localidade veciña de cangas durante a pandemia pola Administración galega. Despois de cinco anos, superada a crise da Covid e cun novo centro de saúde en construción que compromete o retorno do PAC, Sanidade segue sen confirmar a devolución deste servizo que a poboación local vén reclamando de maneira reiterada desde hai 214 semanas.

Este domingo, no canto da concentración habitual fronte á Casa do Mar, onde o persoal médico pasa consulta entre semana, a Mesa Local da Sanidade de Moaña convocou unha marcha que se iniciou na porta do Almacén e que, tras pasar por diante do que será o novo centro de saúde, no lugar de Sisalde, aínda en construción, finalizou fronte á Casa do Mar. Aí a organización deu lectura a un manifesto no que reivindican a necesidade dunhaa urxencias que figuran na estrutura asistencial do Sergas no marco da área sanitaria de Vigo.

Segundo lembrou a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, en declaracións a Nós Diario, este municipio "é o único concello do país con un PAC recoñecido na estrutura do Sergas no que tomaron algunha medida de concentración sanitaria por mor da Covid ao que non lle devolveron os seus servicios de urxencias".

A recuperación do PAC "é a nosa reivindicación máis importante", se ben a veciñanza tamén mantén a presión para as consultas médicas de mañá e tarde conten co número de profesionais suficientes para atender toda a poboación.

A veciñanza de Moaña exixe recuperar o PAC que Sanidade traslodou a Cangas durante a pandemia. (Foto: Diego Seixo)

Persoal médico e ambulancia de reforzo

"Das cinco prazas que deberían ter persoal asignado na quenda de tarde, só tres contan con el e tampouco cobren as ausencias cando algún dos tres médicos se ausenta por calquera motivo", incidiu a alcaldesa, quen a modo de exemplo salientou a falta de servizo médico na tarde da pasada cuarta feira pola falta de profesionais.

Despois de catro anos de mobilizacións, Moaña continuará a reclamar a Xunta un servizo sanitario de calidade, que pasa pola integración do PAC no novo centro de saúde, un compromiso adquirido co Sergas en 2020 cando as partes asinaron un convenio para a cesión dos terreos para construír o novo centro. "A cláusula primeira do convenio di que Moaña ten que ter PAC no novo centro de saúde", ademais dun servizo de odontoloxía. "Entón, de non abrir no centro de saúde as urxencias, o Sergas estaría incumprindo o convenio asinado", destaca Santos.

Moaña seguirá a reindicar "o que é noso", un PAC que din "secuestrado" en Cangas con todos os transtornos que os desprazamentos supón para a poboación, sobre todo para a que non dispón dun vehículo propio o de quen a leve, xa que o transporte público ou o servizo de taxis non sempre está dispoñíbel. 

A loita da veciñanza xa deu resultado unha vez, coa conquista dunha ambulancia de reforzo para o Morrazo, con base en Moaña e dispoñíbel desde este mesmo ano tras sumala á súa lista de peticións en 2022. É o camiño que van continuar, o da presión e a negociación, para dotar o concello dos servizos sanitarios que require a poboción, mais que tamén recoñece para o municipio o Servzo Galego de Saúde. 

A veciñanza de Cangas, coa alcaldesa Araceli Xestido á cabeza, apoiou as reivindicacións da poboación veciña do Morrazo. (Foto: Diego Seixo)