A través da rede social Twitter

Manifestación fotográfica dixital para defender o monte galego

Veciñas e veciños de Monte Galleiro foron os primeiros en sumarse á manifestación. (Foto: Twitter)
A Rede Galega por un Rural Vivo convocou este domingo unha mobilización virtual na que, para participar, só é preciso fotografarse reivindicando o monte galego, en especial todos aqueles montes afectados polos proxectos de parques eólicos.

Nesta xornada de domingo está a decorrer na rede social Twitter a I Manifestación Fotográfica Dixital por Aldeas con Horizonte na Galiza, unha iniciativa da Rede Galega por un Rural Vivo.

Esta rede integra asociacións e colectivos de diversas localidades e comarcas galegas que manifestan a través desta acción o seu rexeitamento cara a proxectos eólicos que consideran "abusivos".

"Non estamos en contra da enerxía renovábel, senón todo o contrario”, anunciaban nun comunicado, "mais si dun modelo produtivo que empobrece as localidades onde se xera a enerxía e reduce o potencial crecemento destas áreas".

Fronte a este sistema, a rede tamén se compromete a investigar e divulgar "outras formas de produción de enerxía máis xustas, como o autoconsumo ou a produción de enerxía colectivizada para o consumo local".

Para participar neste iniciativa tan só é preciso escoller o monte a reivindicar, preparar o cartaz e fotografarse para logo sumarse á iniciativa desta plataforma que se creou o pasado mes de xaneiro.

O seu obxectivo é o de paralizar os proxectos de parques eólicos nas áreas rurais, acadar un marco legal que protexa o rural e o medio e darlle visibilidade ao “espolio” que sofren.

Da Rede Galega por un Rural Vivo forman parte: Salvemos a Comarca de Ordes, na que se integran veciñas dos municipios de Ordes, Mesía, Frades, Trazo, Tordoia e Cerceda; a Asociación 3 de maio, de Negreira, veciñas de Ponteceso, Mazaricos e A Baña, a plataforma Salvemos O Iribio; o colectivo Non Máis Eólicos, con integrantes de Coristanco, Carballo, Santa Comba e Tordoia, a asociación de afectados polo parque eólico de Outes e Mazaricos, e o colectivo Quixote, de Outes.