Unha manifestación denuncia os danos no Támega das obras do AVE

Un cento de persoas tomaron parte na mobilización organizada por Adega para denunciar o impacto das obras do AVE no Támega. “Cinco anos, cinco longos anos, son os que leva o río Támega a través das súas afluentes Cabras e  Cereixo, soportando agresións, sufrindo verquidos de metais pesados unha e outra vez”, indícase no manifesto. A mobilización contou co apoio de CIG, BNG e En Marea, entre outros.

 

A comarca do Támega conta cunha das contornas naturais con máis riqueza “pero cuns malos xestores que pouco ou nada fan para protexela”.  No 2015 as analíticas de auga e sedimentos mostraron contaminación por metais pesados, como chumbo e arsénico propios de actividade mineira. Veciñanza e colectivos ambientais sinalan as obras do AVE na contorna como responsábeis das agresións que sofre o río.