Sanidade Pública

Manifestación da Atención Primaria este sábado en Compostela

Paróns de cinco minutos as cuartas feiras de outubro pola Atención Primaria [Imaxe: Asemblea de Áreas Sanitarias]
As áreas sanitarias galegas convocan unha mobilización este sábado e folga os días 27 e 28 de novembro.

Coa chegada do outono, tempo de gripes, volven as mobilizacións contra o actual sistema sanitario. Fano seguindo unha estela de protestas orixinadas desde a Enfermaría, os condutores de ambulancias ou os Puntos de Atención Continuada (PAC). Esta cuarta feira as profesionais de Atención Primaria pararon cinco minutos ante as portas dos seus centros de saúde. E o sábado tomarán as rúas cunha manifestación ás 12.00 horas en Compostela, convocada polas Asembleas das Áreas Sanitarias. En novembro irán máis alá cunha folga o 27 e o 28.

Son moitas as doenzas que sofre a Atención Primaria. Coa supresión de áreas sanitarias en 2017 o sector xa alertaba da crecente “hospitalización” levada a cabo pola Xunta, concentrando a atención nas urbes e descoidándoa no resto do territorio. Unha das principais reivindicacións na actualidade é a falta de persoal. “Continuamos coas lista de espera nos centros saturadas, retraso na atención en consulta e exceso de pacientes. A sobrecarga afecta a todas as categorías dos centros e, sen dúbida, repercute tamén nos PAC, lugar refuxio para pacientes con problemas de accesibilidade á atención ordinaria”, alertan.

A cura ofrecida polo Goberno da Xunta foi o Plan Galego de Atención Primaria aprobado en maio, que conta cunha dotación de 102 millóns de euros e a previsión de contratar 331 profesionais. Ademais convocouse un Consello Técnico de Atención Primaria, que se reuniu por primeira vez en xullo e do que participan máis de 200 profesionais. “Hai unha serie de puntos que aínda están a ser valorados, pero non se recollen todas as nosas reivindicacións”, salienta José Manuel Caeiro, profesional da área da Coruña. "Nestes meses de conflito non houbo ningunha mellora real, a Consellaría de Sanidade ten aberto mil 'comisións' de traballo, pero non se aprecia no día a día da asistencia sanitaria. Pode verse na prensa pero nin o notan os profesionais nin o nota a poboación que vai aos centros de saúde", afirma Ramón Veras, da mesma área que Caeiro.

“A Consellaría de Sanidade anunciou un cambio de estrutura no Sergas, para incorporar a figura da dirección de Atención Primaria á estrutura das xerencias de área sanitaria. É simplemente un cambio de nome, unha estrutura baleira de contido e responsabilidades”, denuncian desde as áreas sanitarias.

As Asembleas reivindican a limitación de trinta citas por día. “Eu hoxe atendín 44 persoas e teño compañeiros que chegaron a atender 70 nun día”, afirma Caeiro. As áreas tamén demandan a oferta e convocatoria de todas as vacantes de todas as categorías mediante Ofertas Públicas de Emprego, así como a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías. “O contrato de continuidade é rexeitado polos profesionais máis novos”, denuncian.

A maiores, solicitan un orzamento específico para a Atención Primaria de 25% e a atención homoxénea en todas as Áreas Sanitarias. “Non pedimos cartos para nós, pedimos un presuposto para mellorar a calidade de todas as áreas”, expón Caeiro.