Comuneiros manifestaranse o sábado en Compostela contra a "privatización" dos montes veciñais

Gando cabalar pace en terreos da comunidade de montes de Abadín.
A nova Lei de montes "ampara os intereses capitalistas, urbanísticos e especulativos e pretende que estas terras desaparezan e pasen a ser entidades privadas ao servizo das multinacionais", advirte Xosé Alfredo Pereira, da Orgaccmm.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (Orgaccmm) vén de convocar unha manifestación para este sábado, 15 de outubro, en Santiago de Compostela para defender o monte veciñal. O presidente da organización, Xosé Alfredo Pereira, informou esta terza feira en rolda de prensa sobre esta protesta, que terá por lema 'Por unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega' e sairá ás 12 horas da estación de tren da capital.

Neste contexto, explicou que a manifestación está motivada porque, "nestes momentos, parece ser que a Consellaría do Medio Rural, de forma escura e antidemocrática, elabora un 'libro branco' sobre o monte veciñal, do que vai saír unha modificación da actual lei".

Ante isto, sospeita de que no canto dun 'libro branco' será un 'libro negro', do cal denunciou que para a súa elaboración as comunidades de montes "non foron convocadas, nin tiveron ningunha información para elaboralo". Con todo, lembrou que o documento, non o articulado da lei, senón algunhas ideas, estivo en consulta pública "hai uns meses".

Consulta pública

Desta consulta pública referiu o sentido das "liñas estratéxicas". Primeiramente, dotar as comunidades de montes dunha personalidade xurídica, "que elimina o seu carácter xermánico da propiedade veciñal e convérteas de vez nunha propiedade de tipo privado para que se poidan vender, comprar ou repartir".

Asemade, indicou que "definen de novo" o concepto de veciño comuneiro. Fronte a isto, explicou que actualmente "só se adquire se se vive no lugar, aldea ou parroquia onde existe o monte veciñal". Mais "o que pretende agora a Consellaría", dixo, "é incluír como persoas con dereito a opción de ser comuneiras as persoas físicas e xurídicas que, sen vivir na aldea, no lugar, ou na parroquia teñan algunha relación co monte veciñal".

Isto significa, precisou, que se está lei sae adiante "poderán ser membros de pleno dereito todos os accionistas das empresas que teñen aproveitamentos do monte, chámese Fenosa, mineiras ou eólicas, entre outras", denunciou o presidente.

A respecto da terceira modificación que presenta, é que "todos aqueles alugueiros, servidumes e contratos pasen a ter un mínimo de 50 anos, sen ningunha capacidade das comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras, o que significa perder a memoria histórica de que naquel lugar existiu algún día monte veciñal en man común", incidiu.

Iniciativa lexislativa popular

O presidente da Orgaccmm lembrou que "hai xa un par de anos", ante as "agresivas modificacións que introduciu a Consellaría" mediante as leis de acompañamento aos orzamentos, "un mecanismo legal" mais que entende que "non é democrático", a organización realizou unha campaña mediante asembleas en todo o territorio galego que tiñan como obxectivo a elaboración dun proxecto de lei de montes veciñais.

Como resultado, promoven unha iniciativa lexislativa popular (ILP) que superou as 12.000 sinaturas e "seguramente será debatida no Parlamento no segundo pleno de novembro", para o que necesita o apoio de, cando menos, un dos grupos. Nesta liña, incidiu en que outro dos obxectivos da manifestación é que esta ILP sexa debatida no pleno, pase á tramitación e, finalmente, sexa obxecto da elaboración dunha lei "que defenda os principios dos veciños comuneiros".

Pereira considerou que o contexto no que se vai tramitar esa ILP "é agresivo". "O monte veciñal a través da historia padeceu cinco vagas agresivas contra estas terras comunais. Catro foron levas a cabo polo Goberno español e esta última pola Consellaría do Medio Rural, que ao amparar os intereses capitalistas, urbanísticos e especulativos pretende que estas terras desaparezan e pasen a ser entidades privadas ao servizo das multinacionais", sentenciou Pereira.