Educación

Centos de persoas protestan en Santiago contra a "deterioración clara" do ensino público e a "perda de presencialidade"

Lectura dun manifesto en defensa do ensino público ás portas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago. (Foto: Arxina)
Unha marcha convocada por CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer arrodea o complexo administrativo de San Caetano baixo o lema 'En defensa do ensino público'.

Profesorado, pais e nais do alumnado e as propias estudantes participaron esta terza feira en Santiago de Compostela nunha multitudinaria manifestación contra a "deterioración clara" que padece, afimaron, a educación pública na Galiza. Durante a marcha, convocada por CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer, reclamaron máis medios para a atención aos alumnos e ratios máis pequenas. Tamén alarmaron sobre a "perda de presencialidade" en determinados niveis.

A columna arrincou fronte ao edificio da Consellaría de Educación, baixo o lema 'En defensa do ensino público', e deu a volta ao complexo administrativo de San Caetano trasladando a viva voz as súas reivindicacións. Pouco antes de iniciar a protesta, o responsábel nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, alertou do "momento de alarma" que vive a educación pública galega, dada a "deterioración clara" provocada "polas políticas educativas do Partido Popular".

A columna de manifestantes arrodeou a sede da Xunta. (Foto: Arxina)

"O PP non fixo absolutamente nada por mellorar as condicións laborais do profesorado, as condicións de atención educativa dos nosos alumnos. Non fixeron nada pola lingua, non fixeron nada por reducir as ratios, e o que estamos a ver é como, progresivamente, os pasos que se dan, os escasos pasos que se dan, son na dirección contraria", censurou Bermello, que incidiu especialmente "no último e o máis relevante", a "perda de presencialidade na Formación Profesional".

Para a CIG esta cuestión é "dunha relevancia enorme", xa que dá "un paso máis no camiño da deterioración do ensino público", "expulsando" o alumnado das aulas para "dirixilo cara ao ensino concertado, que é privado", onde "non se pon ningún tipo de reparo para que oferten todas as clases presenciais que queiran". Para Suso Bermello a Xunta segue "a mesma tendencia que en Madrid", facendo que o Bacharelato de adultos "vaia deixar de ser presencial para ser exclusivamente en liña", incrementando o número de alumnos por profesor e "diminuíndo a calidade".

Por iso, a CIG considera este "o momento" para "reivindicar a presencialidade", así como "máis tempo para preparar as aulas" e "menor carga burocrática" para o profesorado. Medidas que deberán vir acompañadas "dunha redución do horario lectivo". Aliás, reiterou, "desde unha perspectiva máis social, é fundamental que haxa máis reforzos na atención educativa" e que "se reduzan as ratios" de alumnos atendidos por un mesmo profesor.

Na mesma liña, Fernando Lacaci, en representación de Anpas Galegas, instou a "defender o público" e dixo que o ensino galego "está a mostrar sinais evidentes dunha enfermidade seria" pola "desatención" por parte da Administración.

"Non só se desatende o que debería de estar a actualizar, senón que mesmo deixa caer o bo que había, que era a atención profesional do profesorado", dixo e acusou a Xunta de "defender sistematicamente o ensino privado". Paralelamente, cuestionou que o Goberno galego pretenda "enganar a poboación sobre o que ten a ver coa atención á diversidade e co apoio ás necesidades especiais".