A manifestación anti-taurina na Coruña xa suma adhesións de máis de 24 colectivos

Galiza Mellor Sen Touradas convida a asociacións veciñais, plataformas en defensa dos servizos básicos e entidades de todo tipo a estar no protesto.

 

A plataforma ‘Galiza, Mellor Sen Touradas’ informou de que máis dunha vintena de colectivos xa deron o seu apoio á manifestación antitaurina que terá lugar este domingo, 5 de Outubro, con saída no Obelisco e que chegará ata a praza de María Pita. Son 24 colectivos de todo tipo, entre as que hai asociacións protectoras de animais, entidades ecoloxistas e formacións políticas. “A pluralidade e a transversalidade da convocatoria está a dar os seus froitos”, indican desde GMST, onde agardan que se transpoña esta adhesión organizativa nunha maior mobilización cidadá o vindeiro domingo.

A plataforma cuestiona as facilidades que o goberno municipal está a dar á UTE adxudicataria, facendo do coliseum o seu "predio" particular dende onde distribuír mercadotecnia que vulnera posicionamentos do Parlamento de Galiza canto á presenza de nenos nas prazas de touros. O voceiro da alianza, Rubén Pérez, chamou a participar na marcha do domingo ao conxunto dos “colectivos agredidos”, entre os que inclúe as familias con persoas dependentes e sen axudas, as e os estudantes sen bolsa...

Preestrea do anuncio

A cuña radiofónica coa que os abolicionistas, coa axuda económica da Asociación Animalista Libera, quer chamar a atención da cidadanía, obtivo resultados positivos na súa preestrea a través das redes sociais, acadando máis de 65.000 reproducións.