“A manada é o sistema”, campaña do BNG polo 25N

Denuncia que a violencia contra as mulleres procede dun sistema “que tolera e consinte” agresións, inxustizas e desigualdades contra elas polo simples feito de delo.

“Na última década, 45 mulleres foron asasinadas en Galiza, 55.000 presentaron denuncias por maltrato e cada día rexístranse a denuncia de tres violacións. A manada é o sistema” é o lema da campaña do BNG polo 25 de novembro ‘Día internacional contra a violencia machista’, unha palabra de orde coa que denunciar que a violencia contra as mulleres procede de todo un sistema “que tolera e consinte que as mulleres non teñan garantidos os seus dereitos e sexan agredidas polo mero feito de ser mulleres”.

 

Para o BNG, o sistema actúa como manada “cada vez que emite unha sentenza na que se cualifica de maltrato ocasional o intento de estrangular a unha muller, cada vez que se lle obriga a 212 nais a deixar aos seus fillos e fillas cun maltratador, cada vez que se nos cuestiona por como imos vestidas ou por como nos comportamos, aí hai unha manada”, sinalou Olalla Rodil, viceportavoz parlamentar.

 

Con esta campaña, o BNG tamén quere incorporar o espírito de loita e denuncia expresado na manifestación histórica do 8 de marzo protagonizada polas mulleres, que volveron tomar as rúas en protesta por unha xustiza “patriarcal e machista”. Entre as propostas do Bloque está destinar 1% dos orzamentos da Xuntaa combater a violencia de xénero.

 

A formación nacionalista tamén considera urxente “cambios profundos nun sistema xudicial machista, patriarcal e –como estamos a ver estes días-, absolutamente corrompido e dirixido desde atrás polos partidos estatais”. Igualmente, crear unha unidade específica contra a violencia machista na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista e xulgados de violencia de xénero en todas as cidades.