“Mañá podes ser ti”, campaña contra o recorte de dereitos e liberdades, chega a Galiza

Antón Losada, unha das persoas participantes no coloquio

Compostela acolle un debate organizado por Òmnium e Esculca.

A campaña “Mañá podes ser ti” que impulsa Omnium Cultural e outras catro entidades (Institut dels Drets Humans de Catalunya, Irídia, Novact – Institut Internacional per la Acció Noviolenta e a Fundació per la Pau)  chega a Galiza da man de Esculca. Esta quinta feira na Faculdade de Xeografía e Historia da Universidade de Compostela terá lugar un acto no que participarán Lucía Barros (presidenta de EsCULcA), Marcel Mauri (vice-presidente de Òmnium Cultural), Antón Losada (analista político), Lucía López Sobrado (intregrante do colectivo “19 de Meirás”). Moderará María Obelleiro (directora do semanario Sermos Galiza).

 

O obxectivo da iniciativa é denunciar a vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas no Estado español e lembrar que a represión pode chegar a calquera persoa. A campaña, que xa realizou numerosos actos en Catalunya, céntrase na exposición de situacións como a prisión preventiva de Jlíderes independentistas cataláns, do procesamento a moitas outras persoas que exerceron o seu dereito a votar, dos casos de Valtònyc, Pablo Hásel e Àxel Elgio, rapeiros condenados polas letras das súas cancións ….

 

Na Galiza, a campaña pretende tamén dar a coñecer casos como o do dramaturgo Carlos Santiago, denunciado por un monólogo satírico, ou o caso das persoas -as “19 de Meirás”-  denunciadas por reclamaren a devolución ao pobo do Pazo expoliado polo franquismo.