A Mariña acolle un vídeo-fórum polo dereito ao aborto

As accións de protesta pola reforma da lei do aborto espállanse polo país. Porén, á par, tamén xorden actividades, palestras e actos que visan fomentar o debate e axitar as conciencias arredor do dereito ao aborto. 

 

Este é o caso do Observatorio da Mariña pola Igualdade que da man do Concello de Ribadeo organiza un ciclo de cinema co que levar 'O aborto a debate'. A campaña, que encetou o 1 de febreiro cunha cadea humana contra o anteproxecto de lei presentado polo Goberno español, visa desenvolver diversos actos "reivindicativos" e "informativos", apuntan desde o Observatorio, que promovan a discusión entre a veciñanza mariñá. 

Así esta segunda feria (10 de febreiro) dá comezo un ciclo de cinema baixo o lema O aborto, unha cuestión de liberdade. Baixo o formato do vídeo-fórum o Observatorio da Mariña pola Igualdade e a concellaría de Igualdade do Concello de Ribadeo proxectarán os filmes As normas da casa da Sidra (1999), O segredo de Vera Drake (2004) e 4 meses, 3 semanas e 2 días (2007) os días 10, 11 e 12 de febreiro respectivamente. 

Concertos, palestras, vídeo-proxeccións... están a espallar polo país o debate arredor do aborto como dereito

O ciclo terá lugar no Cine Teatro de Ribadeo e procura xerar o debate arredor do dereito á libre interrupción do embarazo a partir das historias narradas polos propios filmes. No entanto, o Observatorio continuará coa campaña até o 14 de febreiro. A última das actividades será un coloquio baixo o lema Os dereitos sexuais e reprodutivos a debate no que colaborará a médica, Lola Ferreiro. Será ás 20h na Casa das Letras. 

Nas últimas semanas son numerosos os actos lúdico-formativos que se están a espallar por todo o país e que están a levar o debate arredor do dereito ao aborto por vilas e cidades. Concertos, vídeo-proxeccións, accións expansivas e simbólicas asolagan Galiza contra a re-penalización do aborto que prepara o goberno de Mariano Rajoy.