VIGO

Malestar veciñal en Teis por un almacén ilegal de contedores

Vista dunha das concentracións veciñais ás portas do almacén en Guixar (Teis)

A empresa carece de licenza de actividade. A veciñanza do barrio impediu durante días o acceso de contedores despois de que unhas obras de ampliación do solar causaran desperfectos en varias vivendas.

Ruído, sucidade, presenza de insectos e problemas de tránsito. Esas son as condicións que padece a veciñanza que reside nas inmediacións da avenida de Guixar e da rúa Julián Estevez, no barrio vigués de Teis. A causa é un solar onde unha empresa Transportes Crespo e Cousido almacena grandes contedores, malia carecer de licenza de actividade, e que provoca o tránsito diario de centos de camións de grande tonelaxe que descargan ao aire libre os contedores. A problemática agravouse o pasado día 4 de setembro, ando as obras de ampliación das instalacións desta empresa provocaron danos en vivendas da primeira travesía de Guixar. A paciencia da veciñanza, que xa levaba meses a protestar, colmouse. A súa reacción foi impedir o acceso ao almacén, con concentracións diarias ás súas portas. 

 

A veciñanza realizou concentracións diarias para evitar o acceso ao almacén dos camións

Onte, o protesto deslocouse até a Casa do Concello. Coincidindo coa celebración do pleno municipal, varias decenas de veciñas e veciños de Teis concentráronse exixindo unha solución ao Goberno local presidido por Abel Caballero. A Xerencia de Urbanismo resolvía o pasado 22 ordenar a suspensión cautelar da actividade de “aparcamento privado de camións e contedores ao aire libre”. A resolución municipal sinala que esa actividade “non está permitida polas normas urbanísticas do vixente PXOU, ao incumprir as condicións urbanísticas e usos permitidos pola ordenanza de aplicación”. O expediente visa a denuncia veciñal de que a empresa carecía de licenza de actividade. Diante desa resolución cabía un prazo de quince días para a empresa alegar na súa contra. O prazo conclúe o próximo día 6 de outubro. A concelleira de Urbanismo, María José Caride, comprometeuse a que após ese día cesará o transporte de contedores

 

Guixar

Desde a Asociación Veciñal de Teis alertan de que o problema de fondo transcende o caso concreto deste almacén. “Guixar non pode ser usado como unha base loxística do Porto de Vigo para este tipo de actividades que teñen un grande impacto e xeran trastornos”, apunta o seu secretario, Anxo Igrexas. Neste sentido, Igrexas lembra que Guixar é un ámbito “totalmente urbano situado no centro do barrio de Teis” e demanda que se procure espazos axeitados nun lugar “máis axeitado”. 

 

"Guixar non pode ser usado como unha base loxística do Porto de Vigo", advirten desde a AV de Teis

Aliás, o colectivo veciñal critica a falta de dilixencia do Concello de Vigo. “Entendemos que a Xerencia debera xa ter precitado as instalacións deste almacén, toda vez xa hai unha suspensión cautelar da actividade”, explican. A este respeito salientan que o goberno local só comezou a tomar decisións “empurrado pola mobilización veciñal”. 

 

Apoios

A veciñanza recibiu do grupo municipal da Marea de Vigo e mais do Bloque Nacionalista Galego. O voceiro da Marea, Rubén Pérez, formulou un rogo no pleno de onte instando a que o Goberno local garanta de forma efectiva o cesamento da actividade do almacén denunciado. Pola súa banda, o responsábel local do BNG, Serafín Otero, participou en varias das concentracións veciñais e exixiu a “actuación inmediata para poñer fin a unha actividade sen licenza que está prexudicando a moitos veciños e veciñas de Teis”. Otero, lamentou que tivera de ser, máis unha vez, a denuncia veciñal a que visibilizase a problemática. “É un exemplo máis do desleixo municipal e da falla de supervisión e control urbanístico en Vigo”, criticou.