Malestar polo carácter machista da publicidade de Estrella Galicia

[Imaxe: SG] Linguaxe sexista na nova campaña de Estrella Galicia.

“La cerveza de los que tienen lo que hay que tener. Para los que tienen lo que hay que tener” ou “Tenemos lo que hay que tener”. Así reza a última campaña de Estrella Galicia con soportes publicitarios en locais hostaleiros do país e que está a espertar críticas polo sexismo que desprende.

Con motivo do lanzamento da cervexa elaborada con castañas, Estrella Galicia difunde unha campaña publicitaria que está a espertar malestar polo seu carácter machista. En expositores de madeira que serven como soporte publicitario en locais hostaleiros de Galiza pode lerse como Hijos de Rivera presenta a nova bebida de castañas co lema “La cerveza de los que tienen lo que hay que tener. Para los que tienen lo que hay que tener”. Unha consigna que reproduce non só a linguaxe sexista, senón unha expresión construída en base a un estereotipo machista.

 

Aliás, na súa páxina web, Estrella de Galicia anuncia a cervexa co eslogan “Tenemos lo que hay que tener”. Aínda que non aparecen trazos de xénero na redacción da frase, vóltase a recoller a expresión machista referida aos testículos. A respecto do contido visual da imaxe, hai quen percibe nesta publicidade o órgano xenital masculino, ao entenderse que a botella se erixe a modo de símbolo fálico entre dous ourizos de castañas que representarían as gónadas.