O investimento da Xunta da Galiza nos servizos sociais está por baixo dos niveis de 2009

O "malestar" do sistema de benestar en 8 datos

A residencia de maiores de Outeiro de Rei está xestionado por DomusVi, o maior operador privado da dependencia da Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O sistema de benestar é un indicador básico para determinar a calidade democrática dunha sociedade. A Galiza presenta nesta materia algúns dos peores datos do conxunto estatal. Nós Diario analiza o funcionamento dos servizos de carácter básico após os 13 anos de Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego.

1. 9 millóns de euros menos inviste na actualidade a Xunta da Galiza en políticas de benestar social respecto ao ano 2009. Segundo os datos do informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais (Aedxss) de 2021, os últimos orzamentos elaborados polo Goberno bipartito na Xunta do PSdeG e do BNG en 2009 recollían un gasto en materia de servizos sociais de 724 millóns de euros, sendo a dotación orzamentaria de 2020 de 715 millóns de euros. A maiores, esta rebaixa coincide cun aumento na contía total das contas públicas e cando o Produto Interior Bruto(PIB) de 2020 en termos correntes é claramente superior ao do último exercicio do bipartito.

2. 367 euros foi o gasto consolidado en materia de servizos sociais por habitante na Galiza en 2020. A este respecto, o informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais sitúa o país á cola do Estado español en investimento nesta materia, ficando moi lonxe da media estatal, cifrada en 406,3 euros. Na mesma dirección, indica que “a porcentaxe de gasto en servizos sociais respecto do PIB” colócase en 1,58% do total, dúas décimas por baixo da media do Estado. A fenda tamén é visíbel na “porcentaxe de gasto en servizos sociais sobre o gasto total executado das Administracións públicas” que na Galiza achégase a 8,60% fronte a 9,95% na media estatal.

Á cola en dependencia

3. 868 euros foi o gasto da Galiza en 2020 por persoa potencialmente en situación de dependencia, volvéndose situar neste caso á cola do Estado español. Se o investimento da Xunta é de 868 euros, o Goberno vasco destina 2.552 euros, o navarro 2.058 e o castelán-leonés 1.634 euros. O informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais destaca a “acusada desigualdade territorial” e debuxa unha foto final que atende a cuestións de carácter estrutural e conxuntural: Así, entre as primeiras, signifícase o atraso histórico do Estado de benestar na Galiza e no conxunto estatal que non ten acadado os niveis dos países do centro europeo.

4. 342 días de agarda para resolver unha solicitude de dependencia. Segundo a información fornecida polo Observatorio Estatal para a Dependencia, no mes de decembro de 2021 , na Galiza existían 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes á espera de valoración, cun tempo medio de agarda de 342 días.Nesta cuestión obsérvase tamén unha importante fenda coa media estatal, significando a asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que a “porcentaxe de persoas beneficiarias do sistema de atención á dependencia, sobre o total da poboación potencialmente dependente” é de 8% na Galiza fronte a 9,7% do conxunto do Estado.

5. 14.902 prazas de residencias de maiores menos que as esixidas polos estándares da Organización Mundial da Saúde (OMS). Mentres este organismo aconsella 5 prazas  por cada 100 persoas maiores de 65 anos, a Galiza só dispón de 2,83 prazas de residencia por cada 100 maiores de 65 anos, practicamente dous puntos menos que a media estatal, situada en 4,22 prazas por cada 100 maiores de 65 anos.  Así, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) sitúa Galiza á cola do Estado en prazas de residencia de carácter público, case 40 puntos por baixo da media estatal, onde o número de prazas públicas chega a 62% e moi lonxe de 74% de Euskadi. Pola súa parte, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos sinala que a Galiza contaba en 2020 con 2,9% de prazas residenciais menos que en 2010.

6. 96,7% dos maiores de 65 anos non dispoñen de Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A cobertura do SAF na Galiza ofrece tamén uns dos indicadores máis negativos do Estado. A este respecto, o informe da asociación Aedxss sinala que o índice de cobertura de axuda no fogar para persoas maiores de 65 anos é de 3,3% na Galiza, máis de 1,6 puntos por baixo da media estatal. A maiores, a calidade desta prestación vese moi deteriorada polo modelo impulsado desde o Goberno galego e desde moitos concellos, onde se prima a xestión privada e a precarización das condicións laborais das traballadoras e traballadores do mesmo.

Discapacidade

7. 23 meses de espera para a realización dun expediente de valoración de discapacidade, incumprindo os prazos fixados pola lexislación galega e estatal para resolver estes procedementos. A valoración da discapacidade é un tramite imprescindíbel para o recoñecemento administrativo daqueles condicionantes que limitan ou impiden a unha persoa desenvolver a súa vida de forma autónoma. O Comité Español de Representantes de Persoas con Minusvalías (CERMI) ven denunciado que os atrasos na Galiza están por riba da media do Estado español, onde o tempo aproximado de agarda é de 10,4 meses, un período de espera só superado por Canarias, Andalucía, País Valenciá e Illes Balears.

8. 97,8% das persoas con capacidades diferentes non teñen prazas en centros especializados para a s súas necesidades. A este respecto, o relatorio de 2021 da asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sinala que a ratio de prazas residenciais para persoas con discapacidade sobre o total de persoas con discapacidade é de 1,2% fronte a 1,6% da media estatal,  e que a porcentaxe de “prazas en centros ocupacionais e de día para persoas con discapacidade sobre o total de persoas con discapacidade” é de 1,6%, oito décimas menos que na media estatal.