Galiza segue a bater récords da pandemia con 1.802 novos contaxios

Hospital de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Galiza volve estar en cifras de récord en case todos os parámetros da pandemia: marca teito en contaxios detectados (1.802), positivos por PCR (1.505), número de casos activos (17.125) e taxa de positividade (13,3%), isto último se se descontan as cifras alcanzadas durante as primeiras semanas da crise sanitaria, nas que o volume de probas practicadas era moito menor. O país vai en camiño de alcanzar o milleiro de ingresados con Covid-19. 

Galiza vai en camiño, de continuar a tendencia dos últimos días, de alcanzar o milleiro de ingresados con Covid-19. Nos últimos tres días as autoridades sanitarias informaron de 50 novos ingresos diarios. Segundo o último balance, son xa 932 as persoas hospitalizadas nas sete áreas sanitarias galegas, que suman 137 pacientes en UCI, dúas máis que na xornada previa.

Así, os hospitais galegos dobran o número de pacientes con coronavirus en só 10 días. O 12 de xaneiro había 441 persoas ingresadas polas 932 do último balance, case 90% máis, porcentaxe similar ao aumento rexistrado nas unidades UCI, que hai dez días albergaban 71 pacientes polos 132 de agora.

Os datos informados na xornada anterior a esta sexta feira, 22 de xaneiro, sinalan que a Galiza volve estar en cifras de récord en case todos os parámetros da pandemia: marca teito en contaxios detectados (1.802), positivos por  PCR (1.505), número de casos activos (17.125) e taxa de positividade (13,3%), isto último se se descontan as cifras alcanzadas durante as primeiras semanas da crise sanitaria, nas que o volume de probas practicadas era moito menor.

A área sanitaria máis afectada é a da Coruña-Cee, onde máis empeora a situación respecto ao día anterior ao sumar outros 22 ingresos que deixan o total en 248 pacientes Covid hospitalizados, 38 deles en UCI.

Tras A Coruña atópase a área de Vigo que, con todo, presenta unha diminución no número de persoas ingresadas con coronavirus, o único distrito no que baixan xunto con Lugo. Na primeira descenden a 137 (-2), con 21 deles en UCI (-1); mentres que no distrito lugués a baixada é tamén de 2 hospitalizados menos até os 46, aínda que soben a 10 os que requiren coidados intensivos (+1).

En Santiago-Barbanza aumenta a presión hospitalaria até os 142 ingresados (+6), 28 deles en críticos (sen cambios); mentres que en Ferrol o incremento é de dous díxitos, que deixa o total en 133 (+15), 16 en UCI (+2); o que converte este distrito no cuarto con máis persoas ingresadas.

Ferrol supera así Ourense que, con todo, tamén suma máis ingresados que o día anterior até os 129 (+5), dos cales hai 10 en coidados intensivo (sen cambios). Por último, Pontevedra queda ao bordo do centenar de pacientes con 98 (+9), 14 en críticos (sen cambios).

Récord de contaxios

As cifras desta sexta feira son as peores da pandemia até a data en canto á detección de contaxios, o que fai que a Galiza eleve aínda máis o teito de persoas con enfermidade activa, un récord que se bate diariamente desde hai unha semana.

Os 1.802 contaxios detectados polas autoridades sanitarias (a través de calquera proba  diagnóstica, non só  PCR) son o máximo da pandemia. Tamén hai novo récord nos positivos por proba  PCR, con 1.505, a pesar de que se practicaron 500 tests menos que o día anterior, xornada en que se alcanzara o teito da crise sanitaria.

En total foron realizadas 12.179 probas  PCR ao longo da xornada (van 1.297.047 desde o inicio) que lanzaron unha taxa de positividade do 13,3%, récord da pandemia se se descontan as primeiras semanas da crise nas que o número de tests dispoñíbeis era máis limitado que na actualidade.

Con estas cifras a Galiza case triplica o 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, un baremo do que non baixa na Galiza desde o 24 de decembro. Só Lugo ten unha taxa de positividade menor de 10% nas últimas horas (9,3%), nas que Ourense chegou a 21,7% e Ferrol a 18%.