O Colexio de Médicos de Ourense pide o confinamento domiciliario

O Colexio Médico recomenda o confinamento domiciliario de 20 ou 30 días (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Ante a “rápida e negativa evolución dos contaxios”, o Colexio de Médicos de Ourense exixe ás e aos responsábeis políticos "medidas moi contundentes”, entre as que destacan o confinamento domiciliario de 20 ou 30 días como forma “máis rápida” para minimizar os ingresos e as mortes.

O Colexio de Médicos de Ourense exixe ás e aos responsábeis políticos e á cidadanía "medidas moi contundentes para frear canto antes a rápida e negativa evolución dos contaxios", entre as que destacan un confinamento domiciliario, "a forma máis rápida e segura para minimizar ao máximo os ingresos hospitalarios e as mortes".

O colexio recomenda, a través dun comunicado, un fechamento similar ao que xa se estipulou en marzo de 2020, durante a primeira onda do coronavirus, aínda que con certos matices: durante 20 ou 30 días, nos que se permitiría a actividade escolar, o deporte individual e os paseos ao ar libre das persoas conviventes.

Para a entidade, o aumento exponencial dos contaxios pola Covid-19 do que, segundo subliñaron, xa alertaran antes do Nadal, "está a levar ao límite das súas posibilidades o sistema sanitario, unha sobrecarga asistencial cada vez máis difícil de asumir". Esta situación xustifica, segundo o Colexio Médico, a súa petición dun fechamento máis estrito.

Con todo, de non aplicarse o confinamento domiciliario, o colexio sinalou que si "é necesario restrinxir a actividade fóra de casa ao verdadeiramente esencial", así como "prohibir as reunións e encontros entre non conviventes, sobre todo en espazos fechados, incluíndo domicilios particulares".

Ademais, fan especial fincapé en que as forzas fagan cumprir, "mediante os cambios lexislativos que sexan necesarios", as prohibicións estipuladas coas consecuencias penais que correspondan.

O Colexio de Médicos de Ourense asegura que é "coñecedor" dos custos económico e social que as medidas que propoñen poderían implicar, mais destacan que "nestes momentos a prioridade é salvar vidas e garantir a asistencia sanitaria a todas e todos os pacientes, tanto aos infectados pola Covid-19 como ao resto".