Máis un #venresnegro na CRTVG por un medio público “libre”

Os traballadores e traballadoras exixen o cumprimento íntegro da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual

Xa son sete as sextas feiras consecutivas que traballadores e traballadoras da CRTVG visten de negro para denunciar a manipulación dos medios públicos galegos. Esta sexta volveron a facelo, nunha loita por “un medio público libre” que tamén se estende polas redes sociais con HT como #VenresNegro7CRTVG ou #DefendeAGalega, entre outros.

 

“Este venres negro esiximos o cumprimento íntegro da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual. Por que levamos sete anos sen Consellos de Informativos e incumprindo sistematicamente a maioría dos principios inspiradores da Lei?”, pregúntanse na conta @DefendeAGalega , impulsada por persoal da CRTVG.

 

“A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural” é un dos principios desa Lei de Medios Públicos 2011. Para o persoal, non se está a cumprir.

 

As denuncias de manipulación e control político sobre a CRTVG embora non ser novas foron collendo maior intensidade nestas semanas. A noticia a finais de xuño da renuncia de Alfonso Hermida e Tati Moyano a continuar no TX2 por "discrepancias coa liña informativa" serviu de espoleta.