Ducias de persoas protestan diante do BBVA contra o desafiuzamento dunha familia en Compostela

A concentración trascorreu diante da sucursal que o banco ten no barrio de Conxo, onde residen @s afectad@s. O director escoitou as demandas da Plataforma Stop-desafiuzamentos após informar @s activistas doutra protesta para esta sexta feira, desta volta diante das oficinas centrais da entidade na capital galega. O goberno local do PP botou embaixo dúas mocións pola dación en pagamento

'Este banco engana, estafa e bota xente da súa casa', repetiron ducias de persoas ás portas da sucursal que a entidade bancaria BBVA posúe en Conxo, en contra do desafiuzamento dunha familia veciña deste barrio compostelán. Cubano de nacemento, R.V. leva 16 anos residindo na Galiza coa súa compañeira, P.L., e a nai del. Hai un ano a parella ficou desempregada e deixaron de pagar a hipoteca contraída co mencionado banco. "Non é que fose un piso moi caro, mais ao perdermos os ingresos non podiamos facerlle fronte a ese custo", explicou R.V., quen fixo parte da mobilización desta terza feira.

Convocada pola Plataforma Stop-desafiuzamentos Compostela, a protesta durou ao redor dunha hora, durante a cal á porta da oficina bancaria ficou franqueada por un garda de seguridade que impediu a entrada non só ás persoas que se manifestaban, senón tamén a clientes da entidade.

O colectivo cidadán falou hai unha semana coa dirección da sucursal "e solicitamos a condonación da débeda e a dación en pagamento", explica Javier, activista de Stop-desafiuzamentos, quen acrecenta que a resposta do banco ficou en suspenso "porque tiñan que falar con douscentos mil servizos xurídicos", ironiza o mozo.

Ao BBVA preocúpalle a imaxe do banco
Así as cousas, o inmóbel en que residen P.L. e R.V. foi mercado por medio dunha cooperativa de vivenda protexida. Os gastos da hipoteca ían a medias: a cooperativa abonaba 250 euros mensais e a familia outros 250.

"Cando chegou o primeiro aviso de que nos ían desafiuzar intentamos chegar a un acordo co banco para empezarmos de cero, porque a miña parella ten agora traballos esporádicos. Primeiro dixeron que si, mais cando fomos efectuar a primeira entrega reclamáronnos os pagamentos atrasados e os intereses, todo á xunta, e non podemos desembolsar tanto diñeiro", contou R.V.

Após unha segunda conversa mantida coa dirección da sucursal, a Plataforma trasladou a súa intención de se mobilizar perante as oficinas centrais do BBVA na capital da Galiza, tornándose o responsábel do banco --un director substituto-- máis receptivo ás demandas do colectivo cidadán após coñecer esta nova acción, que "danaría a imaxe do banco". Explicou María, tamén activista, que a dación en pagamento "non é suficiente", ao quedar igualmente a familia sen vivenda. O que exixe a Plataforma é o alugueiro social, cobrando polo arrendamento un prezo que non exceda en ningún caso o 30% dos ingresos familiares. No Estado español hai máis dun millón de vivendas baleiras.

5 desafiuzamentos ao día na Galiza
A concentración desta terza en Compostela estivo apoiada por organizacións políticas como AGE ou o BNG. Na formación frontista defenden a necesidade de modificar a Lei hipotecaria para que se contemple a dación en pagamento e saldar a débeda contraída por todas as familias afectadas na Galiza. Segundo os datos de finais do ano pasado que manexa Stop-desafiuzamento, no país execútanse cinco desafiuzamentos ao día.

Así as cousas, a deputada parlamentar, Ana Pontón, e o voceiro do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, fixeron parte da protesta perante as oficinas do BBVA, e anunciaron que levarán a pleno máis unha iniciativa contra a proliferación de casos semellantes á desta familia na cidade compostelá, que virán sumarse ás dúas mocións presentadas xa en outubro de 2011 e en febreiro de 2012, que o PP botou embaixo. 

As mocións que o PP non apoiou
Unha das mocións que defendeu o BNG era para instar o goberno do estado a impulsar unha reforma lexislativa dirixida a protexer as persoas con vivenda hipotecada como residencia habitual e a evitar o seu desafiuzamento. A reforma proposta contemplaba admitir a dación en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria e, ademais, posibilitar que nos procesos xudiciais de execución hipotecaria existan mecanismos de oposición a favor das persoas debedoras que conduzan a unha moratoria no pago dos prazos pactados, para os acomodar á situación económica da familia, a transformación nun contrato de arrendamento con opción de compra ou á condonación parcial da débeda.

Na outra das mocións, presentada no Pleno pola formación frontista a proposta de Stop-Desafiuzamentos Compostela, e tamén rexeitada polo PP, demandábanse medidas para emprender a nivel municipal co obxectivo de paralizar os desafiuzamentos, creando unha comisión especial mixta --con responsábeis do goberno local e colectivos veciñais e sociais-- na procura de alternativas que eviten os desafiuzamentos por motivos económicos.