Máis unha labazada á autonomía das mulleres: o Foro de la Familia prepara unha ILP contra o divorcio

Contra a lei do divorcio. Abril de 1981

Após o aborto e as relacións homosexuais, o colectivo ultrarrelixioso español recollerá sinaturas en prol "dun matrimonio indisolúbel". Analizamos coa escritora e activista feminista María Xosé Queizán que hai detrás desta reclamación, que levarán ao Congreso


"Un estudio sociolóxico estadounidense destaca que hai persoas que se fosen obrigadas a reflexionar durante unha situación de crise matrimonial poderían ter arranxado a súa situación sen recorrer ao divorcio".

É o argumento que emprega a organización ultrarrelixiosa española Foro de la Familia para xustificar unha recollida de sinaturas para a ILP que levarán ao Congreso reclamando que no Código civil se inclúa a posibilidade de que "as parellas heterosexuais" casen "de maneira indisolúbel". 

Consideran que o divorcio racha "co compromiso de estabilidade que adquirimos cando casamos". Tomando en conta que aquel non é unha obriga, senón un dereito ao que recorrer, a iniciativa do Foro de la Familia non se entende se non é desde o punto de vista dunha nova cruzada en contra da autonomía das mulleres azuzada desde a Igrexa católica. 

As propias explicacións facilitadas por este colectivo apoian tal consideración. Propoñen "dúas opcións de matrimonio": unha delas sería a da unión "totalmente indisolúbel" e a outra aínda que a parella (sempre entendida como aquela formada por muller e home) poida separarse "que existan moitas máis esixencias que as dispostas no divorcio express".

"O máis misóxino que existe é a Igrexa"

"Está claro que o peor deste goberno español é a influencia eclesiástica que ten", sinala María Xosé Queizán, escritora e activista feminista que recorda ben o que custou conseguir a primeira lei do divorcio. "Empezamos a reivindicala aló polo 75 ou o 76 e non se aprobou até o 82" pola oposición da propia Igrexa, que lle puxo a cambadela a este dereito por considerar "que era malo, que ía en contra do sagrado e da súa idea de familia". 

Semella que volven aquelas nubes, se é que nalgún momento o ceo ficou despexado de todo. Cómpre lembrarmos as declaracións dunha profesora do CEU, en Valencia, realizadas perante o seu alumnado a finais de marzo: "aínda que o teu home che sexa infiel a verdadeira proba de amor é seguir a o amar con bágoas nos ollos, como Xesús choraba na cruz" e "as mulleres maltratadas non se deben separar porque iso é amor".

Queizán ten claro que "o máis misóxino que hai é a Igrexa", acrecenando que "a xente de esquerdas nunca lles perdoaremos aos partidos que se din de esquerdas que non rompesen os concordatos e os privilexios" que ten. A esas forzas políticas apela hoxe, procurando "unha reacción" e que non deixen pasar nin no Parlamento galego nin no Congreso español "esta ofensiva que non ten nada a ver coa crise senón coa liberdade das mulleres".