Máis de setenta concellos súmanse á campaña contra a violencia machista da Deputación da Coruña

María Muíño, segunda pola esquerda, e responsábeis da área da Deputación

A campaña da área de Igualdade ofrece un programa de actividades para a concienciación social e o compromiso para erradicar o machismo.

 

 

Máis de setenta concellos da provincia da Coruña xa fan parte da campaña ‘De fronte á violencia de xénero’ que a área de Igualdade da Deputación organiza arredor do 25N.

A  maioría das actividades da campaña están xa operativas para a súa difusión social, entre elas, o programa de conferencias online, a actividade para todas as idades de narración poética con origami ou o Desafío poético en redes sociais.  A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, defronte.gal, que recolle os recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades.

A campaña busca facer fronte ao feminicidio e implicar á sociedade para "non mirar para outro lado" e sumar forzas para a súa erradicación na data en que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, segundo a deputada de Igualdade María Muíño

O programa de actividades apela directamente á implicación social e, desta maneira, faise unha chamada á participación de entidades e centros de ensino  como ferramentas para concienciar á sociedade.

"O obxectivo é que a sociedade se conciencie de que ninguén pode estar impasíbel fronte ao feminicidio. Non vale mirar para outro lado, agochar a mirada e dar á volta á esquina para pasar por riba do problema. Á violencia machista temos que poñerlle freo de cara, de fronte, mirando directamente e buscando solucións, concienciándonos da súa gravidade e poñéndonos da parte das mulleres", explicou María Muíño.  

Con esta actividade, ademais, a Deputación indica que procura promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensiíbeis e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia machista, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade.

Entre os seus obxectivos atópase a sensibilización social  fronte á violencia machista, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.

Entre as actividades que forman parte do programa desde o 4 de novembro vanse publicando online e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.

Para públicos de todas as idades, terá lugar entre o 9 e o 15 de novembro unha  actividade guiada por Palmira Castro de narración poética que incluirá unha acción colectiva de origami nas redes sociais. "Sira e a illa" é o título da proposta que se manterá na rede durante seis días e poderá ser unha ferramenta de achegamento e concienciación en centros de ensino e outras entidades.

“Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas para nenas e nenos,  estará tamén en aberto do 23 ao 29 de novembro e do 4 ao 26 de novembro pódese participar no Desafío poético, un concurso que consistirá en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non, con premio en compra de libros nunha libraría.