Nova sentenza recoñece dereito dos docentes substitutos a que computen as vacacións cotizadas

A CIG-Ensino informa que dunha nova sentenza, neste caso no Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, que recoñece o dereito a unha docente interina con contratos de substitución a que se lle compute o tempo de vacacións cobradas e cotizadas mais non gozadas para os efectos de antigüidade, tanto para trienios como sexenios.

A sentenza conclúe que a decisión da Consellaría de Educación de non computarlle ese períodos vacacionais supón un claro suposto de discriminación, xa que esas vacacións nacen como consecuencia do desempeño dun traballo por un tempo determinado e que, por tanto, debe computarse para todos os efectos, tamén os retributivos. A sentenza condena a Consellaría a aboar os trienios e sexenios correspondentes, o que na práctica implica adiantar a data de cumprimento da antigüidade no número total de días de vacacións non gozadas. Así mesmo, a sentenza imponlle á Xunta os xuros legais correspondentes así como as custas xudiciais.

 Estas reclamacións tiveron o seu inicio hai 16 anos, en 2001, cando o sindicato gañou no TSXG o dereito de que o persoal docente substituto cobrase as vacacións non gozadas. Até ese ano, a Consellaría non aboaba nin cotizaba absolutamente nada polo tempo proporcional de vacacións correspondentes ao contratos temporais. “Como podemos observar, o comportamento da Consellaría non mudou en todos estes anos”.