Julio Abalde

"O máis respectuoso cos dereitos do alumnado é que rematemos este curso"

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña.
Garantir a docencia virtual, a conectividade do alumnado e a calidade dun sistema de avaliación xusto e adaptado ás condicións excepcionais do segundo cuadrimestre son os grandes desafíos da ensinanza superior da Galiza. Nós Diario conversa con Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña (UDC).

—Que pasos está dando a UDC para definir o seu modelo de avaliación?
Traballamos en distintos sistemas de avaliación, en función da tipoloxía das materias e das titulacións. Estamos preparando un documento de axuda para o profesorado que imos discutir coas direccións dos centros e dos departamentos antes de levalo ao Consello de Goberno, co obxectivo de que, todo máis tardar, a semana que vén, poidamos dispoñer da forma en que se vai avaliar cada disciplina.

"Será o profesorado quen seleccione a metodoloxía de avaliación máis acaída e o alumnado será informado con tempo suficiente".

Todas van contar cunha opción de avaliación presencial e outra en liña. A nosa instrución é que todas as materias que poidan ser controladas mediante avaliación continua procedan nese sentido, e só accedan á proba final aquelas que a necesiten. Nese caso, a proba será telemática ou presencial, en función de como se vaia clarexando o acceso aos centros. Será o profesorado e os coordinadores quen seleccionen a metodoloxía máis acaída e o alumnado será informado con tempo suficiente. Se ben, tamén entendemos que hai materias que van precisar ser avaliadas de forma presencial e aí tamén teremos que buscar alternativas en caso de que non poida ser.

—Prevé cambios importantes no calendario académico?
Estámolo estudando. Vai depender de como evolucione a crise e das condicións que se dean para volver aos centros universitarios. Eu creo que teremos que facer modificacións. Está por ver se serán grandes ou pequenas. Mais tamén creo que temos posibilidades de completar todo o proceso na duración actual do curso académico.

—Así, a docencia non presencial rematará o 15 de maio.
Si, porque o sistema que agora puxemos en marcha permítenos manter o ritmo de docencia para que remate na data prevista. O que hai que ver é o período de exames. Probabelmente haxa que amplialo un pouco e estudar a mellor forma de encaixar esa mudanza para que non afecte en exceso á segunda oportunidade nin á selectividade, que tamén vai cadrar nese tempo. Os prazos previstos até o momento son dous. Tres semanas de avaliación, do 18 de maio ao 7 de xuño, e a segunda oportunidade, do 22 de xuño ao 17 de xullo.

"Imos sacar unha serie de convocatorias para axudar o alumnado coa súa conectividade e tamén a vencer as dificultades económicas derivadas desta crise".

—Contempla a posibilidade de adiar a finalización do curso ou de suspendelo, como reclama parte do estudantado galego?
Temos que ser capaces de circunscribir esta situación excepcional ao actual curso académico. Postergala para o ano vindeiro creo que non é unha boa solución, porque nos obrigaría a adoptar medidas extraordinarias tamén durante ese novo período. En canto á proposta da suspensión, creo que debemos traballar para que non sexa un cuadrimestre perdido para o alumnado. A metade  realizouse de forma presencial, así que o máis respectuoso cos dereitos das estudantes e con todas as súas opcións de futuro é que rematemos o curso da forma máis adecuada posíbel, cun modelo de avaliación flexíbel que garanta a accesibilidade de todo o mundo. E se vemos que con nesta modalidade hai competencias que quedaron incompletas comprometémonos a facer complementos de formación para o novo curso. 

—Polo tanto, é máis partidario de acomodar os criterios de avaliación que de asegurar un aprobado en todas as materias que non conte para a nota media, como propón parte do alumnado.
Iso é moi complicado. Como se fai ese cómputo? Os expedientes teñen validez fóra da propia Universidade, a nivel de Estado, para a concesión de bolsas, por exemplo. Como lle dicimos ao Ministerio que non compute este cuadrimestre? Ou dentro de tres anos, como diferenciamos esta valoración da forma de calcular as medias? Estariamos penalizando o futuro das estudantes.

"O vindeiro curso debemos ser conscientes das eivas de formación que poidan ter as estudantes para compensalas".

—O alumnado quéixase das dificultades de acceso e mesmo de autonomía para atender a teledocencia. Que solucións lle ofrecen?
Esta semana imos sacar unha serie de convocatorias para axudar o alumnado coa súa conectividade e tamén a vencer as dificultades económicas derivadas desta crise que poidan comprometer os seus estudos. Intentamos que as estudantes gocen da máxima conexión, da mellor calidade e sen sobrecustos.

—En que clave hai que pensar o vindeiro curso?
Creo que deberiamos recuperar a normalidade académica e ser conscientes das eivas de formación que poidan ter as estudantes, para compensalas. E creo tamén que temos que ser capaces de aproveitar todas as técnicas telemáticas que estamos incorporando para complementar as aulas presenciais, en beneficio da futura docencia do noso alumnado.

A Uvigo vai evitar os exames finais

O equipo de Goberno da Universidade de Vigo fixo público onte o Manual de urxencia para a docencia e a avaliación durante a COVID-19, un documento que recolle as pautas sobre as posibilidades de que dispón o profesorado para avaliar ao alumnado a distancia. 
O texto avoga pola avaliación continua ante a suspensión da docencia presencial e sinala que, na medida do posíbel, se evite a realización de exames de carácter final. 

O Reitorado aposta por manter as datas da avaliación e, de ser posíbel, realizar probas presenciais en xullo, de maneira que só se formula atrasar a finalización do curso como mínimo até setembro nos casos de titulacións cuxas prácticas non poidan adiantarse. "Aínda neste caso, procuraríase que estas actividades se poidan realizar en xullo e agosto, para poder rematar en setembro", sinala o equipo de Goberno nun comunicado de prensa.