Mais… os polbos soñan?: unha investigación de científicos brasileiros suxire que poden facelo

Un equipo da Universidade Federal do Río Grande do Norte descubriu que, como os humanos, os polbos teñen un ciclo de sono máis superficial e outro máis profundo. Os resultados do estudo suxiren que tamén poden ter un estado similar ao sono REM, o estadio durante o que máis soñan os humanos.

Unha investigación de científicos brasileiros suxire que os polbos poden soñar. O estudo observou que o animal muda de cor mentres dorme e ten etapas de sono similares ás dos humanos. 

Estes cambios na cor, o comportamento e o movemento do cefalópodo durante o sono son, segundo científicos brasileiros, evidencia dunha fase do sono, na que o animal alterna o sono activo e o tranquilo. Sería algo semellante ao que ocorre cos humanos, que alternan o sono profundo e o REM (Movemento rápido dos ollos).

"Se durante este estado hai un soño, debe ser máis como pequenos videoclips ou incluso gifs"

Os achados, publicados a semana pasada na revista iScience, e que recollen diferentes medios, entre eles CNN, mostran como o soño puido evolucionar dun modo similar en criaturas moi diferentes e suxiren que os polbos poden experimentar algo similar a un soño.

"Non é posibel dicir que os polbos soñan porque non nos poden dicir isto, pero os nosos resultados suxiren que, durante o sono activo, o polbo experimenta un estado análogo ao sono REM, que é o estado durante o que máis soñan os humanos" sinalan Sidarta Ribeiro e Sylvia Medeiros, autores do estudo. Ribeiro é profesor de neurociencia no Instituto do Cerebro da Universidade Federal do Río Grande do Norte e Medeiros é doutorando na mesma universidade.

Os científicos adoitaban pensar que só os mamíferos e as aves experimentaban diferentes estados de sono. Porén, investigacións máis recentes revelaron que algúns réptiles e cefalópodos como os chocos teñen un sono non REM e REM.

Os polbos teñen unha estrutura cerebral moi diferente á dos humanos, pero comparten algunhas das mesmas funcións que os cerebros dos mamíferos. Teñen habilidades especiais de aprendizaxe, incluída a capacidade de resolver problemas e outras habilidades cognitivas sofisticadas, din os autores.

Segundo os investigadores, investigar o sono do polbo foi un "punto de partida" para comparalos neurobiolóxica e psicolóxicamente cos mamíferos. Segundo os científicos, as similitudes nas fases do sono son probabelmente unha consecuencia "das cargas mentais moi estresantes que experimentan estes diferentes grupos de animais".

Estímulos

Como se aseguraron os investigadores de que os polbos que estudaron durmían e non só descansaban? Pois tal e como explica a xornalista Katie Hunt, filmaron catro membros da especie Octopus insularis no laboratorio e estudaron o comportamento dos animais durante un período de máis de 50 días. Os polbos eran moi sensíbeis aos estímulos débiles cando estaban alerta, pero nos estados de sono necesitaban un forte estímulo visual ou táctil para provocar unha resposta de comportamento, detallaron os científicos.

“Se os polbos soñan realmente, é imposíbel que experimenten complexas tramas simbólicas coma nós. O "sono activo" no polbo ten unha duración moi curta, normalmente desde uns segundos ata un minuto ", din os autores. "Se durante este estado hai un soño, debe ser máis como pequenos videoclips ou incluso gifs", conclúen.