Exíxenlle á Xunta un servizo de extinción de incendios ''único, público e sen militares''

Centos de persoas marcharon este domingo polas rúas de Compostela desafiando as inclemencias do tempo para reclamar unha nova política forestal. Denuncian que en dúas décadas arderon 700.000 hectáreas, superficie equivalente ao territorio de Ourense. En 18 deses anos houbo un goberno do PP. Información con vídeo






​Centos de persoas manifestáronse este domingo en Compostela para reclamar da Xunta de Galiza unha política forestal distinta que pase por "un servizo único, público e sen militares".

Após varias mobilizacións máis modestas nas comarcas afectadas e após un verán caracterizado pola desfeita dos lumes que reduciron a cinzas os montes galegos, no protesto evidenciouse a responsabilidade do Goberno galego nas vagas de incendios que queiman o País cada ano, e reclamouse a demisión da conselleira do Medio rural, Rosa Quintana.

Baixo o lema Non máis lumes, reclamaron un servizo que se opoña ao actual, caracterizado pola "fraccionalización" e pola "atomización", segundo valorou a Plataforma galega en defensa dos servizos públicos.

Traballadoras e traballadores das diferentes empresas que a día de hoxe toman parte na extinción dos lumes xuntáronse nunha única manifestación e cun único discurso. Son en total máis de 15 entidades, se se contan tamén as privadas.

Para alén de ser un conflito laboral, o problema dos lumes na Galiza exixe, como reclaman, unha política forestal nova e unha nova concepción do medio rural.

Así o explicou Francisco García, integrante da Plataforma e sindicalista da CIG, quen sinalou que estamos perante unha cuestión "de País" na recta final dun verán en que "o único que impediu que seguise a arder foi a chuvia".

'Quen apaga o lume? Nós, e non a UME'

Consigna que se converteu xa nun clásico das mobilizacións d@s brigadistas, este berro en contra da presenza nos nosos montes de persoal vinculado á Unidade militar de emerxencias, dependente do ministerio de Defensa, clamaba por un servizo que, para alén de público, non estivese conformado por militares.

Ouvíronse tamén proclamas pola demisión de Rosa Quintana, "a nosa conselleira é unha mentireira", "Quintana demisión" ou "Os lumes non se apagan coas palabras de Quintana"; e en prol da prevención para evitar os incencios, "menos propaganda e máis prevención". Denunciaron que nos últimos 22 anos arderon na Galiza 700.000 hectáreas, superficie equivalente ao territorio de Ourense. Durante 18 deles houbo na Xunta un goberno do PP.

CIG, CC.OO. e UGT reclaman responsabilidades políticas

Así as cousas, Francisco García (CIG) reclamou á Xunta que constitúa unha mesa de diálogo ao redor da cal senten organizacións políticas, ecoloxistas, sindicais, agrupacións de montes en mancomún e colectivos sociais que poidan facer achegas á hora de repensar a política forestal que Galiza precisa.

Emilio Doforno, integrante da Plataforma e sindicalista de CC.OO., sinalou que o balanzo de lumes que este verán ten a Xunta faría que @s responsábeis "serían cesados con exixencias de responsabilidade grave en calquera empresa". Acrecentou un dado a respeito deses 22 anos de lumes, sinalando que o montante investido pola Xunta ascende a 1.230 millóns de euros ou, o que é o mesmo, 30 millóns de pesetas ao día. 

"Haberá lumes namentres teñamos leña nos montes", indicou José Vázquez, membro da Plataforma e sindicalista de UGT. Reclamou que nesa nova política forestal se inclúa a exixencia de manter o monte limpo e sinalou que "as investigacións fican coxas namentres non as realicen axentes que coñezan o lugar" onde se produce o lume.