En Ponte Caldelas

Máis de mil persoas maniféstanse contra o transvasamento do Verdugo

[Imaxe: M.O.]

Ponte Caldelas acolleu na mañá do domingo unha manifestación en rexeitamento do transvasamento do río Verdugo á presa das Eiras, que abastece, 12 concellos, entre eles o de Vigo. O Goberno local –PSOE, Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas e BNG– fala de “atentado ecolóxico”, pois a operación deixaría o río sen a metade do seu caudal. O sector marisqueiro de Arcade tamén corre perigo.

“Caballero, queremos o río enteiro” e “Transvasamento non, hai outra solución” foron as proclamas máis repetidas polas máis de mil persoas que secundaron a convocatoria de manifestación do Goberno municipal de Ponte Caldelas contra o bombeo de auga do río Verdugo –coñecido co nome de Verduxo, na súa orixe– ao embalse das Eiras. Unha iniciativa impulsada polo Concello de Vigo e por Augas de Galiza sen consultas previas aos concellos afectados, nomeadamente o de Ponte Caldelas, e sen estudo de impacto ambiental, malia que deixaría o río sen a metade do seu caudal actual.

 

Ao concluír a manifestación, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), lembrou que xa en 2011 o concello aprobara por unanimidade unha moción en que se opoñía ao transvasamento do río Verdugo ao sistema de Oitavén-Eiras, que abastece os concellos de Vigo, Baiona, Cangas do Morrazo, Moaña, Gondomar, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Porriño, Mos e Oia. “Seis anos despois, vémonos na mesma”, sinalou, “dicimos alto e claro, aquí, a carón do río, que estamos en contra do espolio do río Verdugo”.

 

En febreiro de 2017, o caudal medio alcanzou 100 mil litros o segundo, agora baixa a 800, 150 veces menos

 

Sinalou que ao longo do ano o río sofre importantes cambios de caudal. En febreiro de 2017, o caudal medio alcanzou 100 mil litros o segundo, agora baixa a 800, 150 veces menos. “Os señores de Augas de Galiza queren quitarlle 350 litros ao segundo, case a metade do seu caudal actual. E o máis grave, quen debería velar polo medio ambiente faino sen o menor estudo de impacto ambiental, ás bravas”, lamentou Andrés Díaz, que considerou “intolerábel” a actuación da Xunta de Galiza, que non se dirixiu ao concello de Ponte Caldelas en ningún momento.

 

A presa e as centrais hidroeléctricas

 

“Ponte Caldelas é solidaria e leva moitos anos séndoo, nos estertores do franquismo inaugurouse a presa das Eiras, secando, literalmente, en boa parte do ano, a outra grande arteria fluvial, o río Oitavén, que xa non é o que era e diso saben moitos as veciñas e veciños de Rego Do Vargo” [lugar da parroquia da Insua, en Ponte Caldelas], afirmou o alcalde, que tamén aludiu as tres centrais hidroeléctricas que “profana o leito do río Verdugo, unhas obras que a día de hoxe sería imposíbel facer polo seu impacto ambiental en paisaxes dunha beleza espectacular”.

 

“O río Verdugo é o emblema de Ponte Caldelas, non só pola praia fluvial, a única con bandeira azul do Estado español, senón pola súa paraxe, salpicada de valores culturais e etnográficos”, afirmou o rexedor, “no río Verdugo están as mellores troitas de Galiza e a carón del están as augas termais que nos dan nome”.

 

O Goberno municipal teme que a Xunta empregue un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para levar adiante o transvasamento, “é o mesmo recurso legal que a Xunta utilizou para amparar as obras de Ence e perpetuar as fábricas na ría de Pontevedra pasando por riba das competencias do concello de Pontevedra”.

 

Andrés Díaz asegurou que, alén da “batalla social”, o concello desenvolverá unha “batalla legal” para parar “un atentado ecolóxico”.

 

O sector marisqueiro de Arcade, en perigo

 

Tamén se sumaron á mobilización mariscadoras de Arcade, encabezadas pola patroa maior da confraría, Rita Míguez, quen, en declaracións a Sermos Galiza, alertou do grave prexuízo que implicaría o transvasamento para o sector, “e xa non só no marisco, senón tamén nas anguías, que soben ao río a desovar”. “A construción do embalse provocou que se acurtasen as correntes, que se formase lodo e que quedasen improdutivos unha gran cantidade de bancos marisqueiros”, explicou.

 

Rita Míguez: “A construción do embalse provocou que se acurtasen as correntes, que se formase lodo e que quedasen improdutivos unha gran cantidade de bancos marisqueiros”

 

“A xente está a asustada e está sendo todo moi rápido, na Confraría non temos información de ningún tipo, alén do que estades a publicar os medios de comunicación”, lamenta a patroa maior, que esta terza feira asistirá a unha reunión coa Consellaría de Medio Ambiente e coa Consellaría do Mar. “Claro que temos que ser solidarias, mais a que prezo? Hai un problema de concienciación e o que hai que facer é controlar o consumo de auga. De traballar antes na concienciación, non chegaríamos a estes extremos”, agrega.

 

Pronunciouse ao respeito preguntado por este medio o líder da oposición no concello de Soutomaior, Manuel Lourenzo, quen advertiu de que a “desfeita ambiental” terá “consecuencias gravísimas nos bancos marisqueiros” de Arcade. “Afectará a salinidade, a sedimentación, as correntes... e isto vai contra o que hoxe por hoxe é o principal motor económico do concello de Soutomaior”, afirmou o portavoz municipal do BNG. “O impacto indirecto trasladarase a todos os sectores e alén disto está o impacto ecolóxico, que non é un asunto maior”, concluíu.

 

A función reguladora dos montes

 

Entre os colectivos que participaron na mobilización atopábase A rente do chan, que puxo de manifesto que “un monte coidado e diverso funciona como un grande encoro”. “Os solos e a vexetación funcionan como unha esponxa que pouco a pouco cede auga aos acuíferos, aos ríos e aos encoros dos que, ao final nos abastecemos”, afirma a entidade, que pide que “antes de investir 5 millóns nun parche provisional, deberíamos pensar nunha solución meditada, consensuada e definitiva, que aborde o problema real de fondo”.