Plántanse máis eucaliptos en Galiza que en Australia: 80 millóns de unidades

Estancamento das frondosas autóctonas e estensión "descontrolada" do eucalipto.

“Hoxe en día temos na Galiza máis eucaliptos plantados que Australia: 80 millóns de unidades”. Así o manifesta Xosé Manuel Rodríguez, brigadista forestal de ampla experiencia e membro de Adega, no número 313 da Fouce, voceiro do Sindicato Labrego Galego (SLG), que recolle parte da palestra que decorreu no CS Madia Leva de Lugo en torno á problemática dos incendios forestais.

En base aos datos do Inventario Forestal Nacional de 1997-2007 (IFN3), Rodríguez explicou que dos 3 millóns de hectáreas que suma o territorio galego, o 69% son forestais (48'2% de arborado, 20% de matogueira) e o resto agrícola e doutros usos. Comparando o IFN3 co correspondente ao período anterior (IFN2, 1987-1997), sinala que se deu un estancamento das frondosas autóctonas (400.000 hectáreas) “e un aumento descontrolado dos eucaliptos”. En consecuencia, afirma, estanse plántanse en Galiza máis eucaliptos que en Australia, "80 millóns de unidades”. 

Estensión

Como se ten indicado en máis dunha ocasión desde organizacións agrarias e ambientalistas, os miles de explotacións gandeiras en activo na Galiza dispoñen de 650.000 hectáreas. Só o monocultivo de eucalipto ocupa perto de 200.000 Has, unha cifra que se dispara até as 396.000 de contabilizarmos as superficies mixtas, é dicir, aquelas na que esta especie convive misturadas con outras. E algúns cálculos aumentan estas cifras. Un estudo da Universidade de Compostela afirma que na Galiza perdemos desde 1985 unhas 265.000 hectáreas de superficie agraria útil.

Stop eucalipto

Unha vintena de organizacións ambientalistas uníronse a comezos de ano para impulsar a campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!”. Unha iniciativa que nacía pouco despois da prórroga da concesión do goberno español en funcións a ENCE para seguir en Lourizán: "Ameaza seriamente a biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto”. Alertaban de que perto do 30% da superficie arborada galega estaba ocupada por esta especie e propuñan unha serie de medidas e accións a desenvolver para reverter esta situación.