Máis dun cento de aves mariñas afectadas por un vertedura de orixe descoñecida na costa galega

Arao dos cons ('Uria aalge') manchado tras o vertido en Aguiño (Ribeira) o primeiro de marzo (Antonio Parada).
Ecoloxistas e voluntarias coordinadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) continuarán durante a fin de semana cos traballos de recuperación das aves mariñas afectadas por unha vertedura de orixe descoñecida fronte ás costas galegas.

Desde hai unha semana está a aparecer un gran número de aves mariñas abeiradas nas praias. "Temos constancia da aparición de exemplares de distintas especies manchados en todo o litoral. Cara ao sur, rexistramos aves afectadas en Baiona, contra o norte, en Burela, mais supoñemos que o vertido tivo lugar na costa oeste, xa que as praias das rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo son as máis activas en canto a recollidas". 

Voluntarias na fin de semana

María Canedo, de Adega, coordina desde a pasada segunda feira as persoas voluntarias que desde entón atenden o chamamento das asociacións ecoloxistas para tratar de salvarlle a vida a ducias de aves enchoupadas por unha substancia oleosa, de cor alaranxada. Segundo denuncian, todo apunta a un sentinazo, un baleirado deliberado en alta mar das sentidas dalgún buque en tránsito fronte ás costas galegas. "Unha práctica tan habitual como irregular", destaca Damián Romai, biólogo e coordinador xunto a Atocha Ramos, da Inspección de Praias da Coruña, un proxecto de Grupo Naturalista Hábitat.

"A Consellaría de Medio Ambiente recolleu 51 aves peláxicas, das cales 23 ingresaron vivas no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros". 

"Detectamos unha masa pastosa, graxenta, semellante á parafina que envolve os animais e fai que perdan a súa impermeabilidade", asegura Romay. Deste xeito, as aves vólvense máis vulnerábeis ao frío e perden destreza para o mergullo, esencial para o seu alimento. "Xa recuperamos máis de 150 aves, 10% mortas. Porén, as nosas estimacións apuntan que pode haber 10 veces máis exemplares afectados, xa que ás praias só chegan un de cada dez", engade.

Desde Hábitat reclaman o compromiso das Administracións cunha vixilancia máis rexa para determinar que buques incumpren a normativa Marpol que impide descargas ilegais e contaminantes no mar. "Hai medios para observalos e detectar vertidos irregulares que deberan exixir unha investigación seria e accións legais", apunta Damián Romai.

Especies migratorias

Araos, gaivotas e até un corvo mariño cristado, en perigo de extinción en todo o Estado, son algunhas das especies afectadas pola vertedura. Esta fin de semana, voluntarias percorrerán areais da Arousa, Vigo, o Morrazo e a Barbanza co ánimo de encontrar novos exemplares e envialos aos centros de recuperación designados.

Desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente informan a Nós Diario da recollida de "51 aves peláxicas, pertencentes a especies altamente migratorias, das cales 23 ingresaron vivas no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros".

"Salvamento Marítimo non detectou indicios de contaminación de hidrocarburos na zona económica exclusiva da noroeste da Península Ibérica".

Sobre a orixe da vertedura, aseguran desde a Administración que "tras as inspeccións aéreas e por satélite realizadas nas zonas nas que apareceron aves mortas non se detectou ningún tipo de contaminación mariña. E tampouco se ten detectado desde o mar ningún foco contaminante ou mancha ao que se poida atribuír esta substancia".

Na mesma liña, Salvamento Marítimo, no seu labor de vixilancia marítima "co avión de salvamento e satélites europeos" confirmou a este medio que non detectou "indicios de contaminación de hidrocarburos na zona económica exclusiva da noroeste da Península Ibérica". E recoñeceu que os barcos que transitan pola zona tampouco "reportaron ningunha detección de contaminación" ata a data.