Máis de dúas mil persoas participan na diagnose do plan de igualdade da Deputación da Coruña

[Imaxe: Deputación da Coruña] Un momento do foro

“Compartimos Plan”, o proxecto de igualdade da Deputación da Coruña, fechou o período de diagnose, no que participaron máis de 2.000 persoas.

Esta quinta feira tivo lugar o Foro Provincial do Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, coñecido como “Compartimos Plan”. Un foro en que participou persoal político e técnico e que puxo fin ao proceso de diagnose, en que participaron máis de 2.000 persoas.

 

A deputada de Igualdade, Ánxela Franco, agradeceu a ampla participación na elaboración do Plan de Igualdade que definiu como "unha ferramenta que fará avanzar no proceso de Igualdade".

 

E é que tras este proceso de diagnose ábrense as portas á difusións das medidas e das accións pola igualdade. Franco sinalou que a ferramenta terá “longo percorrido e contribuirá a dar un cambio á situación en todo o territorio da Coruña”.

 

A diagnose, explicou, recomenda modificacións que afectarán á propia Deputación da Coruña á hora de defender a necesidade de "crear referentes claros da área e coordinar as accións coas comarcas". Entre outras medidas, anunciou que se vai crear un banco de formación e información que atenderá as necesidades de axentes de igualdade das dezaoito comarcas da Coruña.

 

Pola súa parte, a técnica de Igualdade, Eva Ovenza, explicou que o proceso de elaboración de diagnose contribuíu a "crear redes, xerar sinerxias e contribuír á sensibilización e concienciación". O plan completarase cunha guía de recursos e boas prácticas actualizada.

 

As cifras

 

No balance do proceso para a elaboración do documento final con medidas para a igualdade, a Deputación da Coruña promoveu 124 encontros no territorio coa participación de máis de 2.000 persoas e o emprego de máis de 1.100 ferramentas participativas.