Máis do 50% dos bosques de ribeira galegos analizados por Proxecto Ríos están en mal estado

Un 20% das marxes dos ríos estudados no marco do informe de ‘Proxecto Ríos’ correspondente ao 2016 están “moi degradadas”.

Os bosques de ribeira do país dos mil ríos non están no seu mellor momento de saúde. Un informe de ‘Proxecto Ríos’ recolle que máis do 50% dos ríos estudados, tanto en primavera como en outono, presentan un bosque de ribeira en mal estado de conservación, “ben con alteracións importantes ou moi degradado, que en moitos casos a presenza de especies exóticas invasoras é determinante”.  De feito, o 20% deses bosques están “moi degradados”. Pola contra, indícase neste informe que anualmente realiza Adega, o 40% das masas arbóreas das marxes dos ríos están en bo estado.

“Dende o inicio do proxecto, e moito máis nos últimos anos, estableceuse unha tendencia que manifestaba a situación de degradación na que se atopa o bosque de galería que acompaña aos ríos”, constátase no mencionado estudo. Un documento elaborado coas achegas, análises e mostraxes de voluntarios que se coordinan en 353 grupos.

En base a todos eses datos Proxecto Ríos valora o estado de saúde dos ríos, dos bosques de ribeira así como a calidade do hábitat. No informe de 2016, rexístrase que na primavera dese ano o 34% dos ríos tiñan moi bo estado de saúde, unha porcentaxe que no outono aumentou ao 42%. En bo estado figuraban o 38% dos ríos analizados en primavera e o 42% en outono. Como moderado, deficiente ou mal estado están o 27% dos ríos (na primavera) e o 17% (no outono).