Máis de 3 millóns de euros para a xestión privada dos servizos sociais por entidades relixiosas

Os convenios asinados nos primeiros catro meses do ano pola consellaría de Traballo e Benestar deixan os maiores beneficios en dúas entidades: a Asociación Galega San Francisco e Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente. Neste ano, o mesmo departamento fechou dous centros de menores; no ano anterior desmantelou un centro de atención á discapacidade e privatizou outro.

O DOG publica esta sexta os convenios que a consellaría de Traballo e Benestar asinou nos catro primeiros meses do ano. E na relación de entidades beneficiarias, as maiores contías van parar a Asociación Galega San Francisco (Agasfra) --2.082.955,32€--, para contribuír para o mantemento dos servizos que presta a través dos seus centros de atención a persoas con discapacidade da súa titularidade; e a Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente --1.038.441,60€-- para contribuír para o mantemento do servizo que presta a través do Centro Residencial Asistencial Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey.

A outra cara destes acordos está nos fechamentos de centros que dependen do departamento que dirixe Beatriz Mato, e que veñen denunciando os Comités de Empresa de Traballo e Benestar da Galiza nas últimas semanas. Así, neste ano deixaron de funcionar o centro de menores de Montealegre, en Ourense, e o de Soutomaior, en Ferrol. Alén destes, o pasado ano a consellaría de Mato eliminou o centro de atención especializada do Santiago Apóstolo, e privatizou o centro Souto de Leixa, en Ferrol, que acabou sendo propiedade do grupo empresarial CLECE, vinculado a Florentino Pérez. Estes dous últimos centros prestaban atención, xustamente, a persoas con diversidade funcional.

Diante da situación, a CIG critica a "política de amortizacións de postos de traballo" emprendida desde Traballo e Benestar, e insisten, máis unha vez, na defensa duns servizos sociais "públicos e de calidade". A central sindical corrixe o argumento da crise e explica a actuación desta consellaría no marco dun concepto "diferente" da función deste tipo de centros, máis próximos a "un exercicio de beneficiencia" cando "a fórmula do negocio" mediante a concesión do servizo a unha empresa de titularidade privada "non resulta viábel".