Máis da metade dos fogares galegos segue chegando con dificultades a fin de mes

Case un de cada dez chega con moitos apuros, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. O 20% non se permitiu ningún gasto extra no último trimestre, como viaxar, facer fronte a imprevistos ou saír a cear.

O 52% dos fogares galegos chega a fin de mes con dificultades. As cifras da Enquisa conxuntural a fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) manifestan que a anunciada recuperación económica non chegou para a maioría de galegos e galegas. Malia os indicios de cambio de tendencia no trimestre anterior, estes volven a reflectir a amplitude da brecha social. 

Un de cada dez fogares pasa moitos apuros para afrontar os gastos mensuais. E un 20% non se permitiu ningún gasto extra durante os últimos tres meses, como por exemplo viaxar, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear ou ir ao cine. 

 

Como medida de aforro, un 13% cambiou os seus hábitos de compra, mercando marcas brancas ou produtos de ofertas. Unha porcentaxe similar reduciu o seu gasto común en elementos como transporte ou vestimenta. Case o 40% espera poder aforrar cartos ou facer algunha compra extraordinario durante o próximo trimestre.

 

Os fogares monoparentais son os que teñen maiores obstáculos para asumir os gastos diarios, cun 65% con dificultades para chegar a fin de mes. E por concellos, aqueles con menos de 10.000 habitantes reflicten un porcentaxe maior de fogares con dificultades.