Máis da metade das adolescentes consumiu pornografía: o Goberno estatal controlará o acceso das persoas menores

A ministra española de Educación, Pilar Alegría, esta terza feira. (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
A aplicación estará lista antes do verán de 2024.

O Goberno do Estado español confirmou que para antes do verán de 2024 estará lista unha aplicación desenvolta pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e a Fabrica Nacional de Moeda e Timbre para protexer ás persoas menores da pornografía en internet, tal e como avanzaron o pasado mes de decembro os responsábeis desta aplicación.

Deste modo, o Executivo estatal fai seu o proxecto lanzado por ambas as entidades co fin de estabelecer un sistema eficaz de verificación da idade no acceso de contidos daniños para as menores, como os pornográficos. Así o confirmou esta terza feira a ministra de Educación e portavoz do Goberno español, Pilar Alegría, tras decorrer o Consello de Ministras e Ministros.

En concreto, precisou que se trata dun proxecto piloto que consiste nun sistema de verificación da idade que "foi xa probado cos principais navegadores e cuxo obxectivo principal é protexer aos menores do acceso ao contido para adultos". "É unha iniciativa que é pioneira en Europa e que desde logo prevemos que se poida pór en marcha antes do verán de 2024", subliñou a portavoz.

En concreto, Alegría puxo un exemplo para explicar como funcionará o sistema. "Se nalgún momento eu quixese acceder co meu teléfono móbil a algún contido dalgunha páxina para adultos, o teléfono móbil, con esta aplicación que desenvolve a Axencia de Protección de Datos, recoñeceríame e, por tanto, tería a posibilidade de navegar nas distintas páxinas; con todo, se dese teléfono móbil fixese uso o meu fillo menor de idade, a aplicación recoñeceríao e imposibilitaríalle que accedese a estas páxinas de contidos para adultos", dixo a ministra.

A metade das menores consumiu pornografía

Pola súa parte, o ministro de Presidencia e de Xustiza, Félix Bolaños, presentou un informe que, entre outros datos, revela que a metade das persoas adolescentes do Estado entre 12 e 15 anos consumiu pornografía polo menos nalgunha ocasión, e 25% das mesmas, ademais, recoñecen telo feito antes dos 12 anos. Así mesmo, o informe presentado por Bolaños tamén revela que sete de cada dez adolescentes entre 13 e 17 anos consomen pornografía de forma regular e que 30% afirma que a pornografía é a súa única fonte de información afectivo sexual.