Proxecto Ríos

Máis da metade dos bosques de ribeira galegos están en mal estado

24% das marxes dos ríos analizados están moi degradadas, 6 puntos máis que hai dous anos. Aliás, 41% dos ríos estudados en primavera tiñan moi bo estado de saúde; porcentaxe que en outono caeu a 25% dos casos.

Os bosques de ribeira do país dos mil ríos non están no seu mellor momento de saúde. Un informe de ‘Proxecto Ríos’ recolle que máis de 50% dos ríos estudados, tanto en primavera como en outono, presentan un bosque de ribeira en mal estado de conservación, “con alteracións importantes" e, en moitos casos, cunha presenza "determinante" de "especies exóticas invasoras". De feito, 24% deses bosques están “moi degradados”. Unha porcentaxe que é 3 puntos superior ao exercicio anterior (2016) e que é 6 puntos máis que en 2018. “Unha causa pode ser que as marxes con alteracións importantes evolucionan cara á degradación en vez de cara á recuperación”. Pola contra, indícase neste informe que anualmente realiza Adega, 40% das masas arbóreas das marxes dos ríos están en bo estado.

 

En 2017 o voluntariado do Proxecto Ríos determinou que 41% dos ríos estudados en primavera tiñan moi bon estado de saúde; porcentaxe que en outono caeu a 25% dos casos. Con estado bon, 37% en primavera; 40% en outono. Os ríos analizados e que presentan estado deficiente pasaron de ser 6% en primavera a 12% (o dobro) en outono.

 

Adega salienta que desde o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. “Na actualidade contamos con 376 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río 42%. En función dos datos recollidos polo voluntariado sobre a calidade dos ríos, podemos concluír que en 2017 se observa unha diminución na porcentaxe de ríos en moi bon estado tanto na primavera como no outono. Mantense en 2017 a migración dos treitos en moi bon estado cara a un bon estado de saúde, sobre todo na campaña de outono, datos que se ven apreciando nos últimos anos”

 

En canto á calidade do hábitat, os datos achegados polo voluntariado revelaron que os valores en 2017 foron moi parecidos aos anos 2015 e 2016, con máis da metade dos treitos estudados, tanto en primavera como en outono, con hábitats ben constituídos (64% en primavera e 68% en outono). Aínda así, máis de 30% dos treitos de río estudados amosaron alteracións e degradación no seu hábitat, que se corresponden, como vén sendo habitual, con treitos de río canalizados ou con déficit hídrico como o Limia ao seu paso por Xinzo.