Maior lonxevidade na Galiza? Estas son as cifras do IGE sobre esperanza de vida e mortalidade no país
Neste mes de febreiro volvéronse publicar os datos de esperanza de vida na Galiza. Así, o Instituto Galego de Estatística (IGE) compartiu esta sexta feira, 6 de febreiro, os datos provisionais de 2024 e os definitivos de 2023 para o conxunto nacional. Desta forma, os datos do ano 2023 conclúen para a Galiza unha esperanza de vida media de 83,76 anos de idade. A cifra máis elevada da historia da Galiza, superando os 83,58 anos de media de 2019.
Cómpre tamén mencionar a diferenza da esperanza de vida entre homes e mulleres. Sendo as mulleres, de media, as máis lonxevas do país por máis de seis anos de diferenza, desde os 86,68 de media das mulleres galegas até os 80,77 dos homes. Con todo, os datos provisionais de 2024 amplían aínda máis a lonxevidade galega, superando de media para Galiza os 84 anos, exactamente 84,04.
No que respecta á diferenza de xénero para 2024 localízase unha redución da distancia entre a media de mortalidade para homes e mulleres. Así, mantéñense as mulleres por diante, con 86,83 anos de media a nivel galego, mentres que os homes rexistran unha idade media de mortalidade de 81,19 anos. Desta forma, a mortalidade das mulleres só medra desde os datos de 2023 aos de 2024 en 0,15 anos. Porén, os datos dos homes aumentan 0,42, o que podería indicar o estancamento da idade media de mortalidade feminina.
A esperanza de vida aos 65 anos
Alén disto, nos datos publicados aparece tamén desglosada a esperanza de vida a partir dos 65 e 80 anos de idade para o conxunto galego. Así, e sempre segundo os datos medios, a partir dos 65 anos na Galiza vivíronse outros 21,96 anos adicionais en 2023 e 22,03 anos en 2024. Cun aumento bastante lixeiro de só 0,07 entre os dous anos.
Mentres, nos datos diferenciados por xénero, en 2023 a esperanza de vida a partir dos 65 anos é de 19,78 para os homes e de 23,91 para as mulleres. Unha diferenza de máis de catro anos. Pola contra, no ano 2024 a idade media é de 19,89 e 23,94 para homes e mulleres, respectivamente. Apreciase así o estancamento da esperanza de vida nas mulleres cun aumento de 0,03 entre os dous anos. Pola contra os datos dos homes presentan un maior aumento, de 0,11.
A esperanza de vida aos 80 anos
No que respecta á esperanza de vida a partir dos 80 anos de idade, os valores comezan xa a descender. Preséntase así en 2023 unha esperanza de vida de 10,55 anos, con 9,36 anos para os homes e 11,40 para as mulleres. En relación a 2024 a variación é maior que na esperanza de vida dos 65 anos, aumentando deste modo 0,11 ao contar cunha media de 10,64. A media dos homes cifrase en 9,50 anos e a das mulleres en 11,44.
Pola parte masculina, na esperanza de vida a partir dos 80 anos a variación entre 2023 e 2024 aumenta máis, chegando a aumentar 0,14. O que pode significar o estancamento da esperanza de vida das mulleres debido á elevada cifra que presenta.
Taxa de mortalidade
Xunto cos datos publicados da esperanza de vida na Galiza publicouse tamén a taxa de mortalidade definitiva de 2023. Cun resultado de 313 mortes por cada 100.000 habitantes. Deixando de manifesto un cambio significativo en comparación co ano anterior. En 2022 a taxa de mortalidade cifrábase en 183 mortes por cada 100.000 habitantes.